Amosando publicacións coa etiqueta En Feminino. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta En Feminino. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de maio de 2024

Luisa Villalta, a nena do violino

E un ano máis, Trémola Teatro achegouse ata a nosa biblioteca para enchela de maxia e trasportarnos ao mundo das letras e da música da man de Luísa Villalta, sexta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas e outra galega máis das letras, entre moitas.

Luisa e Susana Villalta, fotografía do arquivo familiar que pode verse na exposición "Luísa Villalta, a memoria dos sons", na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.

Con "Luisa Villalta, a nena do violino", puidemos facer un percorrido desde a súa infancia - na que estaba inseparablemente unida ao seu "violino" - ata que descubriu o seu primeiro libro de poesía. A medida que crecía, Luisa Villalta enfrontouse a novas realidades que non lle gustaron moito e por iso decidiu que tentaría cambiar o mundo. Un percorrido pola vida e a obra da nosa homenaxeada, pola música, a literatura, a poesía, as aulas e o activismo social.

Preme nesta imaxe para ver máis fotos. 



Que vivan as Letras Galegas e que viva Luísa Villalta!

Por mil primaveras máis para a nosa língua!

xoves, 7 de marzo de 2024

Visita de Laura Castro, investigadora do CITENI

Hoxe tivemos a sorte de que viñera a visitarnos Laura Castro, enxeñeira industrial experta en enerxías renovables mariñas, profesora na EPEF da UDC e investigadora do CITENI, quen foi recoñecida pola Universidade de Standford como unha das persoas investigadoras máis influintes no seu campo. Quixemos contar con ela xa o mes pasado, polo Día da Nena e a Muller na ciencia, mais por motivos de axenda, tivemos que adiar a visita ao mes de marzo, na véspera do Día da Muller Traballadora. A verdade é que calquera data serve para visibilizar referentes femininos en calquera dos ámbitos da cultura, a ciencia ou as artes, porque somos moitas e cada vez máis presentes.

Os rebuldeir@s tiñan preparados uns experimentos sobre a flotación e a xeración de enerxía coa forza da auga e quixeron amosarlle a Laura os avances nas súas investigacións. Aproveitamos tamén para ver estes experimentos os peques do cole, que están inmersos no proceso de creación de máquinas simples e outros procesos.


Despois, xa na biblio, Laura contounos un montón de cousas sobre ela mesma e como foi que se fixo investigadora. Falounos das súas experiencias vitais e como estas influíron na súa carreira profesional ata chegar a converterse en docente e investigadora.

Ademais, os peques - Mara, Iker, Irene e Julietta -  lle tiñan preparada unha pequena entrevista, así que aproveitamos para subir á radio a grabar unha pequena entrevista que prepararon con moita ilusión. Podédela escoitar aquí.

Despois Laura xuntouse de novo na biblio, desta vez cos maiores do cole, de  3º a 6º de Primaria, nunha sesión na que tivo que respostar a moitísimas preguntas, xa que o alumnado tiña moito interese sobre o seu campo de investigación, a enxeñería eólica mariña.

Podes premer en calquera fotografía para acceder ao álbum con todas as imaxes.

Moitísimas grazas por vir visitarnos para falar de ti e o teu traballo. Porque como ben dixeches, é fundamental visibilizar ás mulleres en todos os ámbitos. Sen dúbida es un referente para moitas de nós. 


luns, 17 de outubro de 2022

Día das Escritoras na B.E. Xoán Farias


O Día das Escritoras é unha iniciativa promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas y Modernas. Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
 

Este ano celébrase baixo o lema “Antes, durante e despois das guerras”, nunha homenaxe ao papel fundamental que cumpriron as mulleres en situacións de conflito bélico.
 
Desde a B.E. Xoán Farias as nenas de 2º a 6º de Primaria leron unha escolla dos textos propostos pola Asesoría de Bibliotecas Escolares para conmemorar esta data.
Porque é moi necesario visibilizar ás mulleres en todos os campos, desde a nosa biblioteca, velaiquí tedes a nosa homenaxe. Polas que foron, polas que son e polas que serán. 

Felices lecturas, en feminino, plural.





venres, 5 de novembro de 2021

#NoMoreMatildas

Imaxinas que tería pasado se Eintein nacera muller? Pois que probablemente hoxe non saberíamos quen é Einstein. E é que os méritos dos seus descubrimentos os tería levado algún compañeiro de investigación... ou incluso a súa parella.


Este fenómeno, coñecido como Efecto Matilda na honra a Matilda Joslyn Gage, a primeira activista en denuncialo, sinala a inxustiza de ignorar, de forma sistemática, os hachados de brillantes científicas ao longo da historia.

A falta de referentes feminimos ten un impacto nas aspiracións profesionais das nenas que se traduce nunha menor presencia destas nas carreiras STEM.

A campaña #NoMoreMatildas quere recuperar estas figuras, levándoas aos libros de texto para que esperten co seu exemplo, os seus hachados e as súas aportacións, a vocación científica de todas esas nenas ás que ata hoxe, fíxoelles pensar que a ciencia era cousa de homes.



Se queres saber máis sobre o papel que xogaron as mulleres na ciencia ao longo da historia, podes descargarte o anexo sobre mulleres científicas para Primaria, premendo na imaxe a continuación.

E desde aquí, podedes acceder aos tres títulos da colección da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), que polo momento están agotados e só podemos acceder a eles en formato dixital.



Por un mundo mellor, #NoMoreMatildas.

"esPazODS para a concienciACCIÓN"


martes, 18 de maio de 2021

Unha pegada con estrela e nome propio.

Recordades alá polo mes de marzo, mes da muller, todo o que aprendimos sobre as pegadas que deixaron 64 mulleres galegas? Lembrades aquel xogo no que tiñamos que escanear os códigos QR para averiguar onde xeolocalizalas? Como esquecerse, verdade? 

Vale, pois se andas algo despistado podes premer aquí para ver cómo foi.

O caso é que puxémonos a investigar por todas partes para decidir que mulleres escoller para levar a cabo o xogo, e ao principio parecía case misión imposible atopar 64 mulleres que ademáis foran galegas... Tantos anos invisibilizándoas, que de primeiras custa un pouco encontrar esos referentes en feminino, e ademáis, galegas... Mais cando comezas a investigar un pouco, da para facer un xogo novo con outras tantas!!!

É que as mulleres xogaron un papel fundamental ao longo da historia, tan importante como os homes, claro que si! 

Nesta selección de mulleres aparecen referentes clásicos, coma Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Sofía Casanova, ... e outras máis contemporáneas, como Ángeles Alvariño, Maruja Mallo, María Mariño, ... e incluso actualísimas como Guadi Galego, Margarita Ledo-Andión, Yolanda Díaz... e ata deportistas da talla de Vero Boquete, Belén Toimil ou Chus Lago...

E mirade como son as cousas que tanto buscamos, tanto buscamos que esquecímonos de mirar a quen tiñamos ao lado. 

Así que a ela adicámoslle a pegada número 65. Seguro que así, disculparanos. 


E agora estarédevos preguntando para quen é esta estrela, verdade?

Pois vémola todos os días e non a valoramos!

Claudia Paola Rodríguez Teijeiro

que ademáis de ser a profe dos Tritóns do cole de Pazos, foi xogadora profesional de FutSal Femenino na primeira división deste deporte, durante 10 anos co CS Burela FS.

Campioa de Primera División na tempada 2015/2016;
Campioa da Supercopa de España no 2015;
Campioa coa Selección Galega no 1998, 2004, 2006 e 2008
e Campioa na Copa Xunta de Galicia no 2005, 2007, 2009 e 2010.
Preme na foto se queres saber máis.

Por moitas máis coma ti!

venres, 26 de marzo de 2021

Xeografías Lectoras en feminino

Despois dun intenso segundo trimestre, e dun mes de marzo adicado a visibilizar o papel das mulleres na historia, preparamos un gran xogo vinculándoo ao lema elixido para este curso pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, "Xeografías lectoras na Biblioteca Escolar".

Unha mañá apareceu o chan da entrada da escola cheo de pegadas moradas que convidaba a seguilas... en cada unha delas había un código QR. Que información habería agochada alí? Para que serviría aquilo? 

Días máis tarde apareceu un gran mapa de Galicia cunha morea de puntos sinalados... E un panel cheo de fotografías de mulleres. Pero, quenes son estas mulleres? Algunha tíñamola fichada, que ata había caras amigas e incluso familiares, pero moitas outras non. Tíñamos traballo por diante se queríamos desentrañar tanto misterio. 

Dito e feito. Adicamos os últimos días do mes de marzo para "seguir as pegadas" destas 64 mulleres, todas galegas (dalgunha ou outra forma) cun xogo no que tivemos que emparellalas co seu lugar de nacemento (ou adopción). Será o primeiro paso para comezar as nosas pesquisas e afondar un chisco na vida de cada unha delas.




E así foi: lector de códigos QR en man, pasando polo bingo de conserxaría previamente, a cada quen se lle asignou un número que se correspondía cunha pegada. Primera tarefa: buscar e atopar a pegada co noso número e escanear o código QR. 

Grazas a isto, accedíamos a unha información que nos permitiría non só identificar ás mulleres das fotografías e poñerlles nome propio, senón que tamén, poderíamos relacionalas con algún punto do mapa de Galicia dos que estaban sinalados. Feito isto, moito máis por diante: afondar nos logros destas mulleres, para visibilizar o papel das mulleres ao longo da historia e para recoñecer a súa valía.




Esta historia está comezando. Sigamos as pegadas destas mulleres galegas e sumémolas ás nosas "xeografías lectoras".

Como sempre, para ver o álbum de fotografías completo, 
preme en calquera das imaxes desta entrada.