xoves, 7 de marzo de 2024

Visita de Laura Castro, investigadora do CITENI

Hoxe tivemos a sorte de que viñera a visitarnos Laura Castro, enxeñeira industrial experta en enerxías renovables mariñas, profesora na EPEF da UDC e investigadora do CITENI, quen foi recoñecida pola Universidade de Standford como unha das persoas investigadoras máis influintes no seu campo. Quixemos contar con ela xa o mes pasado, polo Día da Nena e a Muller na ciencia, mais por motivos de axenda, tivemos que adiar a visita ao mes de marzo, na véspera do Día da Muller Traballadora. A verdade é que calquera data serve para visibilizar referentes femininos en calquera dos ámbitos da cultura, a ciencia ou as artes, porque somos moitas e cada vez máis presentes.

Os rebuldeir@s tiñan preparados uns experimentos sobre a flotación e a xeración de enerxía coa forza da auga e quixeron amosarlle a Laura os avances nas súas investigacións. Aproveitamos tamén para ver estes experimentos os peques do cole, que están inmersos no proceso de creación de máquinas simples e outros procesos.


Despois, xa na biblio, Laura contounos un montón de cousas sobre ela mesma e como foi que se fixo investigadora. Falounos das súas experiencias vitais e como estas influíron na súa carreira profesional ata chegar a converterse en docente e investigadora.

Ademais, os peques - Mara, Iker, Irene e Julietta -  lle tiñan preparada unha pequena entrevista, así que aproveitamos para subir á radio a grabar unha pequena entrevista que prepararon con moita ilusión. Podédela escoitar aquí.

Despois Laura xuntouse de novo na biblio, desta vez cos maiores do cole, de  3º a 6º de Primaria, nunha sesión na que tivo que respostar a moitísimas preguntas, xa que o alumnado tiña moito interese sobre o seu campo de investigación, a enxeñería eólica mariña.

Podes premer en calquera fotografía para acceder ao álbum con todas as imaxes.

Moitísimas grazas por vir visitarnos para falar de ti e o teu traballo. Porque como ben dixeches, é fundamental visibilizar ás mulleres en todos os ámbitos. Sen dúbida es un referente para moitas de nós. 


Ningún comentario: