Amosando publicacións coa etiqueta ODS13. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ODS13. Amosar todas as publicacións

mércores, 6 de marzo de 2024

Plantación nos montes de Brión

Hoxe tivemos un día ben fermoso. Fixemos unha andaina polos montes comunais de Brión, na compaña de Pablo, o pai das nosas compas Itsaso e Eume, e os seus compañeiros da asociación comuneros Chá de Brión e Doniños. Tamén tivemos a sorte de que que nos acompañasen algunhas das nosas familias.


Preme nesta imaxe para acceder ao álbum de fotografías deste día.

A primeira parada foi nun mirador natural onde podíamos divisar ata Coruña, incluso houbo quen distinguía a Torre de Hércules!!




Monte arriba chegamos ao lugar xa preparado para facermos a nosa plantación. Puxémonos mans á obra super felices e sen dubidalo. Cabamos un furado ben profundo con sachos e pás, (eso que nalgúns lugares a terra estaba moi dura) onde puxemos con moito agarimo os freixos, loureiros e sabugueiros que nos entregaron.



Tamén aprendemos a poñerlle "un titor" para que a árbore vaia dereitiña e se axude dos embistes do vento, logo recubrimos cada árbore cun "artefacto" verde para protexelas dos corzos que poidan vir comer os gromos que comezarán a sair agora na pronta primavera, porén aos sabugueiros deixámolos sen esta protección pois parece ser que a estos animaliños non lles gusta nada o cheiro que desprenden e, nin se arriman!

E despois de tanto traballar ben gañado tiñamos a parva. Bocatas e laranxas para todas!



Comezamos o descenso... Brincamos, choutamos e incluso algún fixo un pouco de ioga na "Pena dos poetas", cunhas vistas privilexiadas.


Faláronnos dos montes comunais, do cereal que se plantaba e de todo o que aquí se facía. Tivemos o privilexio de saudar a unhas vellas coñecidas destes montes, unhas eguas que resultaron ser moi tímidas pois pouco se nos acercaron, tanto balbordo non lles gustaba! 
E así, continuamos de charco en charco o noso traxecto de volta.



Ao chegar ao bus despedímonos agradecidas e cun forte aplauso dos nosos anfitrións que tan ben nos trataron e tanto nos ensinaron. Grazas. 
Como mola vir ao monte!!

P.D: Agora debemos ir visitar de vez en cando a nosa plantación de árbores autóctonas a ver como lles vai!




venres, 12 de xaneiro de 2024

Isto é unha emerxencia!!!

Hoxe, á volta do recreo atopámonos nas aulas un sobre con unha carta de emerxencia. Un tal Percebiño, da Biblioteca Carlos Labraña do CEIP Nicolás del Río en Cedeira, pedíalle axuda ao noso caracol Roi para que nos mobilicemos para loitar contra esta maré plástica en forma de boliñas que están invadindo os nosos areais.


Desta volta son moitos e moi visibles xa que o buque "Toconao" perdeu seis contenedores con 26.3 toneladas de plastipellés en augas portuguesas, moi preto das nosas costas.
Tamén perdeu outros contenedores con neumáticos, barras de alumnio, pasta de tomate e papel film.

Mais os plastipellés, desgraciadamente, están presentes nos nosos areais desde hai vinte anos...

E como non podía ser doutra forma, a mensaxe calou ben fondo no alumnado, porque sen tempo xa a organizarnos colectivamente, as nosas familias xa se achegaron á praia para poñerse man á obra. Bravo por elas!!!

Grazas á familia de Uxía por pasarnos estas fotos.


E aínda que tal vez as praias de Ferrolterra non sexan as máis afectadas por unha sorte de correntes e mareas, toca mobilizarnos colectivamente para combater esta invasión plástica que veu tinguir de branco as nosas costas. 

Neste cadro, extraído do informe da IMO (International Maritime Organization) sobre directrices sobre a limpeza de pellets de plástico procedentes de derrames de buques, tes unha referencia para avaliar o grao de contaminación dos areais.



Finalmente, neste mapa interactivo podes ver en tempo real as convocatorias para a recollida de plastipellés e as localizacións dos achados ata o momento. 

Lembra avisar ao 112 sempre que atopes restos do vertido e empregar os colectores axeitados para o seu procesamento posterior. 

#esPazODS_para_a_concienciACCIÓN







xoves, 25 de maio de 2023

Arranxando os bancais coa primavera

Volveu Pablo, o noso experto en permacultura, e trouxo consigo unha sorpresa: unha caixa coa tapa furada na que viñan un montón de vermes de seda que estaban a dar boa conta dun feixe de follas de moreira. Ata puidemos ver como algún deles comezaba a facer a súa crisálida. 

Encantounos velos e tamén tocalos. Descubrimos que son mooooi suaves. E que comen moito! Menuda velocidade rilando follas!


Preme nesta foto para acceder ao álbum completo de fotos deste día.

E por suposto, tocou traballar nos bancais. Continuamos coas nosas tarefas de mantemento sacando malas herbas, cubrindo con follas secas o bancal do millo, misturando cultivos (cebola, fabas loba, fabas, chícharos, espárragos...) e plantamos unhas tomateiras que viñeron de Miranda do Ebro e que veñen dunhas sementes de máis de 60 anos. 

Por aquí vos deixamos algunhas fotos para que nos vexades en acción.














Canto traballo! Pero pouco a pouco a nosa horta de Rosalía vai tomando forma!

xoves, 23 de marzo de 2023

Permacultura, unha forma diferente de entender a horta.

Xa vos contáramos que este ano quixemos dar un paso máis en canto ao mantemento e a productividade da nosa horta, polo que contactamos con Pablo Iglesias, ao que todo o mundo lle chama "Peibol", para que nos axudara a inciarnos neste apaixoante terreo da permacultura, un sistema de principios de deseño agrícola, económico, político e social baseado nos patróns e nas características dun ecosistema natural para facer da agricultura un sistema sostible a longo prazo.

Con cada un dos grupos realizou diferentes actividades, de xeito que fomos emprendendo accións na nosa horta das que veremos os resultados a medio e longo prazo. Pero sobre todo, e cremos que fundamental, avanzamos moito en canto á planificación estructural e arquitectónica da nosa horta.

Co grupo dos peques de 3 e 4 anos, traballou na asociación de cultivos no bancal de amorodos que plantáramos hai unhas semanas, introducindo allo silveste, cebolas e faballóns, para que aporten nitratos á terra do bancal.




O grupo dos peques de 5 anos traballou arreo, baleirando parte do compost xerado na nosa composteira, na que diariamente botamos os restos orgánicos das nosas parvas. Plantamos patacas na columna vertical e ideamos un sistema de rego máis eficiente por goteo. Tamén plantamos ósos de aguacate ao pé dunha árbore á espera do que acontecerá.






Co grupo de 3º e 4º de Primaria, os nosos Tritóns, estiveron plantando suculentas e acondicionando con materia orgánica e compost o bancal grande.



A tarefa dos grupos dos maiores consistiu en acondicionar e trasplantar as plantas florais que tiñamos concentradas nun par de ubicacións da horta, en diferentes localizacións. Tamén falaron da asociación de cultivos e como as flores contribúen ao control de plagas e a polinización das outras plantas veciñas para que dean máis e mellores froitos.


Canto aprendimos e canto por aprender!