Amosando publicacións coa etiqueta Horta. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Horta. Amosar todas as publicacións

xoves, 25 de abril de 2024

Hortiña do meu contento

Na xornada de hoxe o foco foi coidar a terra. Cómo? Protexéndoa.

Apañamos a herba que o xardiñeiro cortou e apañamos tamén a última colleita de allo perenne e arrincamos as herbas que non nos interesan entre os amorodos dos bancais. Con todos estes materiais tapamos cunha boa capa un bancal e medio.



Tamén construímos un macizo ao redor do tubo das patacas, co compost e con macetas, para ampliar a zona de cultivo e preservar algunhas plantas que estamos xermolando. 

Limpamos e tapamos con herba os macizos dos neumáticos e xuntamos caracois enriba de todas as plantas que arrincamos a ver se as papan. 

Preme nesta foto para acceder ao álbum coas fotos deste día.

E sementamos chícharos, rábanos, albicias, patacas, condueldas, espinafres de Nova Zelanda e algunha dalia. Xa vedes que non paramos en toda a mañá!

Desta volta Pablo "Péibol" deixounos deberes:

  • Sementar en maceta ou na mesa de cultivo o que nos apeteza.
  • Xuntar paus e follas para as borduras.
  • Regar un par de veces á semana, se non chove.
  • Falar co xardiñeiro para que corte a herba con cesto e non a escape libre, que xa levamos nós  a herba a onde a precisamos.
  • Preguntar na casa que se sementaba en maio.

xoves, 14 de marzo de 2024

Nova xornada de horta con Pablo "Péibol"

Hoxe voltamos a ter unha excelente xornada de horta xunto a Pablo Péibol. 

Preme nesta foto para acceder ao álbum completo coas imaxes desta xornada.

Vimos moitas plantas que sobreviviron a todo este tempo sen apenas coidados e descubrimos que os activos de inercia xuntaron ramas para eses hoteis de insectos circulares que estamos a establecer.



Tamén prantamos algún bimbio, abeleiras, lavandas e outras aromáticas.

 Ademáis estivemos moi motivados prantando os chícharos e os faballóns que tiveramos que sementar na pista na xornada anterior porque chovía moitísimo .

Gozamos moito indo "ao prohibido", con autorización por suposto!,  onde medran a feito allos silvestres, que segamos a mans cheas para sementar abundancia nos nosos bancais.

E descubrimos, moi felices que prendera unha figuera que pensaramos que morrera.

Que ben o pasamos con Péibol e canto aprendemos con el! Xa estamos desexando que volva!

luns, 5 de xuño de 2023

5 de xuño: Día Mundial do Medio Ambiente.

 E hoxe, 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente tivemos a última xornada de traballo con Pablo "Peibol" deste curso na nosa horta. 

A súa visión de horta abriunos a outra forma de entender os cultivos e o traballo da terra, e estamos encantados. Comprender que unhas sementes precisan das outras e que para ter un terreo produtivo é necesario acondicionalo, fixo que nos fóramos replantexando as tarefas da horta dun xeito máis consciente e sostible.

Preme nesta imaxe para acceder ao álbum completo.







E como era o último día que ía a estar Pablo "Peibol" con nós, fixémoslle un agasallo moi especial: un libro cheo de debuxos que amosa o impacto da pegada que deixou en todos e cada un de nós.

ç

Grazas Pablo "Peibol", por ser, estar e por compartir tanto con nós!

Despedímonos, pero só ata o curso que vén!

xoves, 25 de maio de 2023

Arranxando os bancais coa primavera

Volveu Pablo, o noso experto en permacultura, e trouxo consigo unha sorpresa: unha caixa coa tapa furada na que viñan un montón de vermes de seda que estaban a dar boa conta dun feixe de follas de moreira. Ata puidemos ver como algún deles comezaba a facer a súa crisálida. 

Encantounos velos e tamén tocalos. Descubrimos que son mooooi suaves. E que comen moito! Menuda velocidade rilando follas!


Preme nesta foto para acceder ao álbum completo de fotos deste día.

E por suposto, tocou traballar nos bancais. Continuamos coas nosas tarefas de mantemento sacando malas herbas, cubrindo con follas secas o bancal do millo, misturando cultivos (cebola, fabas loba, fabas, chícharos, espárragos...) e plantamos unhas tomateiras que viñeron de Miranda do Ebro e que veñen dunhas sementes de máis de 60 anos. 

Por aquí vos deixamos algunhas fotos para que nos vexades en acción.














Canto traballo! Pero pouco a pouco a nosa horta de Rosalía vai tomando forma!

xoves, 23 de febreiro de 2023

Sementeiros para a "Horta de Rosalía", no Día de Rosalía.

Xa sabedes que a nosa horta leva por nome "A horta de Rosalía" porque o ano pasado o lema para o Día de Rosalía foi #sementadepensamentos e o celebramos precisamente así: sementando pensamentos nos bancais da nosa horta. Podedes recordar cómo sucedeu volvendo a ver a entrada no blog dese día, premendo na imaxe da lona que temos colocada na nosa horta.



E este ano, tamén polo Día de Rosalía, íamos comezar a traballar na nosa hortiña despois da posta a punto dos bancais que estiveron facendo os peques de Pazos ao longo deste mes, pero a choiva quixo aparecer e tivemos que conformarnos con elaborar uns sementeiros que cando agromen traspasarémolos á terra da  horta.

Grazas ao CP Edu-Sostibilidade, puidemos convidar a traballar con nós a Pablo Iglesias López - experto en permacultura - con quen descubrimos cómo a asociación de cultivos fai da horta un ecosistema san, equilibrado e con abundancia de recursos. Debemos aprender a traballar a terra dun xeito eficiente, responsable co medio e respectando os seus ciclos naturais de renovación.

Así que desta volta aprendimos a facer sementeiros dunha forma diferente á que estabamos acostumados, combinando sementes que se complementan unhas ás outras: fabas lobas, cebolas, espinacas, alcachofa, espárragos... Tíñamos moito traballo, así que mans á obra!


A verdade é que xa temos curiosidade por ver o que vai a acontecer nestes sementeiros, cómo agroman estas sementes e cómo imos traspasar os abrochos aos bancais da nosa Horta de Rosalía.

Cánto que aprender da permacultura! Grazas Pablo por iniciarnos nesta filosofía da terra. Xa estamos agardando que voltes polo cole.

#espazODS_para_a_concienciaciACCIÓN