xoves, 23 de febreiro de 2023

Sementeiros para a "Horta de Rosalía", no Día de Rosalía.

Xa sabedes que a nosa horta leva por nome "A horta de Rosalía" porque o ano pasado o lema para o Día de Rosalía foi #sementadepensamentos e o celebramos precisamente así: sementando pensamentos nos bancais da nosa horta. Podedes recordar cómo sucedeu volvendo a ver a entrada no blog dese día, premendo na imaxe da lona que temos colocada na nosa horta.



E este ano, tamén polo Día de Rosalía, íamos comezar a traballar na nosa hortiña despois da posta a punto dos bancais que estiveron facendo os peques de Pazos ao longo deste mes, pero a choiva quixo aparecer e tivemos que conformarnos con elaborar uns sementeiros que cando agromen traspasarémolos á terra da  horta.

Grazas ao CP Edu-Sostibilidade, puidemos convidar a traballar con nós a Pablo Iglesias López - experto en permacultura - con quen descubrimos cómo a asociación de cultivos fai da horta un ecosistema san, equilibrado e con abundancia de recursos. Debemos aprender a traballar a terra dun xeito eficiente, responsable co medio e respectando os seus ciclos naturais de renovación.

Así que desta volta aprendimos a facer sementeiros dunha forma diferente á que estabamos acostumados, combinando sementes que se complementan unhas ás outras: fabas lobas, cebolas, espinacas, alcachofa, espárragos... Tíñamos moito traballo, así que mans á obra!


A verdade é que xa temos curiosidade por ver o que vai a acontecer nestes sementeiros, cómo agroman estas sementes e cómo imos traspasar os abrochos aos bancais da nosa Horta de Rosalía.

Cánto que aprender da permacultura! Grazas Pablo por iniciarnos nesta filosofía da terra. Xa estamos agardando que voltes polo cole.

#espazODS_para_a_concienciaciACCIÓN







Ningún comentario: