mércores, 12 de maio de 2021

Un patio para emocion-arte. Pintando con Blanca Vila.

Este ano máis que nunca, no que o distanciamento social é norma, precisábamos crear algo na nosa escola que nos emocionara. Así que mans á obra. 

Tras un proceso de reflexión decidimos encher o noso patio con cores que falen das emocións, do que nos gusta e o que nos disgusta, o que nos fai felices e o que nos da medo... Visibilizando os nosos sentimentos somos capaces de xestionalos. Así, entre todos e todas, facemos que o noso patio sexa un espazo único para a convivencia e a inclusión.

Pensando e pensando, animámosnos a realizar unha intervención artística sobre o muro gris que tiñamos na zona das gradas, para o que pedímoslle colaboración a Blanca Vila. Coñecédela, verdade? Blanca é unha ilustradora ferrolá vinculada ao Movemento das Meninas de Canido e que xa deixou a súa pegada noutros lugares do cole. Podedes ver esas "pegadas" premendo aquí.

Cada grupo, tras falar sobre as emocións en sesións de titoría, do que nos fai sentir ben e o que nos desagrada, realizou un deseño que simbolizase as súas inquedanzas sobre o tema. Xuntámonos así con 64 deseños, un por cada neno ou nena da escola, para formar un mural colectivo para emocion-arte. Creamos entre todos e todas algo que nos fai sentir o patio como propio, un lugar de encontro e un espazo para a convivencia.

Blanca Vila foi a encargada de trasladar os nosos deseños á parede e acompañounos en todo o proceso creativo. Moitas grazas pola axuda.

Ai... si, si! Que faltan as fotos do proceso. É verdade!












Pero isto é só unha mostra. Preme en calquera das fotos se queres velas todas, todas, todas.

Aínda non está rematado, non vos vaiades pensar. Fáltanlle os pequenos detalles e... ata aquí podedes saber. 

Non vos perdades o resultado final, eh?

Ningún comentario: