martes, 1 de abril de 2008

ABRIL, MES DOS LIBROS. DÍA 2: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL




Hoxe comezamos as actividades do mes de abril: MES DOS LIBROS. Hai moitas actividades preparadas para ver, para escoitar, para investigar, escribir e ilustrar. ¿Preparados?


Mañá mércores celebraremos o "Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil", coincidindo co aniversario do nacemento de Hans Christian Andersen , escritor Danés. Fillo dun pobre zapateiro. Seu pai morreu cando el contaba só once anos, polo que non puido completar os seus estudos. Pero, máis tarde, xa en Copenhage, Jonas Collin, o director do teatro onde traballa axúdao e pode continuar cos seus estudos; logo disto comezan para el os bos tempos. Inspirándose en tradicións populares e narracións mitolóxicas extraídas de fontes alemanas e gregas, así coma de experiencias particulares, entre 1835 y 1872 escribiu 168 contos protagonizados por personaxes da vida diaria, heroes míticos, animais e obxectos animados.

Os seus contos están dirixidos ao público infantil e desenvólvense en escenarios onde a fantasía forma parte natural da realidade e tratan cun especial humor os sentimentos. Entre os máis coñecidos podemos destacar "O PATIÑO FEO", "O Reiseñor", "O soldadiño de Chumbo", "A árbore de Nadal", "A Sereíña, "A Princesa e o Chícharo", "O traxe novo do Emperador", "Polgariña", "O Porqueirizo", "A Raíña das Neves"...

En Copenhage, na entrada do porto unha "Sereíña" recorda a un dos seus personaxes máis queridos.




Esperamos que para todos e todas sexa un mes especial e que vos sirva para achegarvos un pouco máis ao MARABILLOSO E MÁXICO MUNDO DOS LIBROS.
Recordade: mañá temos unha cita na BIBLIOTECA.

Ningún comentario: