Despois de case tres anos, por fin podemos dicir que O MERCADO DE CHISPA xa forma parte dos nosos espazos máis queridos. Todo comezou nunha reunión de Claustro onde a profe Kelly compartiu unha idea marabillosa: Xa que no centro contabamos con moito espazo, porque non crear un mercado nuha das aulas baleiras? Poderiamos traballar en todos os niveis e en todas as áreas dun xeito lúdico, manipulando e aprendendo ao mesmo tempo. Ese foi o xermolo!
Dende aquela ata hoxe moitos esforzos fixeron que o soño se fixese realidade. Temos que agradecer dun xeito moi especial a axuda prestada por dúas persoas. *De Tere Grille, a madriña de Mario, son as máxicas mans que crearon con mimo as froitas, hortalizas, carnes, embutidos, peixes, polbos, panes, doces e ata unha empanada. Un traballo meticuloso e de, non imaxinamos cantas, horas. Grazas polo teu tempo e por ese gran tesouro co que nos agasallaches. *E por outro lado, o bo facer de Francisco Rodríguez Cendán, profesor do IES Ferrolterra, que xunto co seu alumnado do Módulo de "Operacións básicas de carpintaría", do Grado Medio en Carpintaría e Moble, elaborou durante o curso 2016-2017, todo o mobiliario que vedes nas imaxes: carriños da compra, varios caixóns para as seccións de froitas e hortalizas, carnes e peixes, módulos con andeis e unha mesa con balda para a caixa. Un verdadeiro luxo! Moitas, moitas grazas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario