luns, 17 de febreiro de 2020

Contacontos no recreo: Emma, un conto teatralizado


E hoxe no recreo tivemos un contacontos moi especial, porque este superequipazo que temos na biblio non só conta contos de marabilla senón que cada vez que deciden facer un contacontos, os recreos convírtense en verdadeiras funcións teatrais. Cada vez incorporan máis elementos á narración: atrezzo, vestiario, ambientación... A verdade é que é moi bonito ver como van artellando por si mesmos un montón de recursos en torno a unha historia dun libro.

Desta volta Icía, Irene, Alisson, Jatniel, María e Jaasiel representaron "Emma" coa axuda da narración de Álex, que a última hora arrimouse para botarlles unha man. 

Emma é un precioso album ilustrado da editorial Sallybooks na que nos contan a historia dunha carteira dun pequeno pobo á que lle encanta percorrer as rúas na súa bicicleta amarela entregando cartas e paquetes. Pero unha mañá, ao facer o reparto do correo, atópase con todos os seus veciños moi tristes. Que poderá facer ela para axudarlles? 

A verdade é que estes talentosos actores e actrices souberon captar a atención do público durante toda a súa representación. Quedamos encantados e anhelantes de futuras novas representacións. Por se queredes recordar a historia, por aquí vos deixamos o "booktrailer". Que aproveite!




Ademáis, as ilustracións e os textos deste libro apoianse nun sistema de pictogramas que axudan á comprensión do resto de elementos e constitúen unha linguaxe por si mesmos, facilitando a comprensión total do argumento da historia.
Conta co selo Lectura fácil, polo que é moi axeitado para primeiros lectores e para nenos e nenas con necesidades educativas específicas pola súa adaptación en canto a linguaxe, contido e forma.

Ningún comentario: