mércores, 8 de xuño de 2022

CONVIVIMOS PARA COIDAR: Falamos de ecosostibilidade no Día Mundial dos Océanos

Hoxe, Día Mundial dos Océanos tivemos no cole unha charla-obradoiro sobre ecosostibilidade. Falamos das 3R's:  REDUCIR, REUTILIZAR e RECICLAR, así, por esta orde de importancia á que lle engadimos outra R máis, a de REFLEXIONAR.

É que Marga, de 4eco Narón veu a falarnos precisamente disto, de que temos que tomar conciencia dos nosos hábitos de consumo e como estes estanlle a afectar ao noso planeta. Vivimos e convivimos rodeados de plástico, e o noso lixo comeza a ser incontrolable. E a proba disto é como está o mar e as nosas praias. 

As semanas previas pedímosvos que se íades á praia recollérades lixo, que con el íamos facer unha actividade. E tristemente, atopáchelo a mans cheas. Todo o lixo que saquemos da praia é lixo que non acabará no mar, danando os ecosistemas mariños. Temos que parar esta situación!!!

Menos mal que o cole de Pazos está cheo de superheroes e superheroínas, dos que non levan capa pero si unha saca que encher de lixo para sacalo da praia. Aquí podedes ver a peques e rebuldeiros en acción.

Peques e Rebul iniciaron os seus obradoiros cun contiño que escribiu e ilustrou Marga, nos que nos presentou a Super-R, unha heroína coma nós que recolle o lixo de praias e ríos para evitar que cheguen ao mar e que así o poidan inxerir os animais mariños.

Falounos de que o máis importante é REDUCIR a nosa pegada ecolóxica, consumir só o que realmente precisamos e tentar evitar envases innecesarios. Porque xa sabedes, o lixo que menos contamina é o que non se xera. A convivencia pasa por respectar o noso medio para poder respectar aos demais.

Aos maiores ademais, ensinoulles un montón de alternativas ecosostibles e produtos de baixo impacto ambiental como pode ser o xel e champú sólidos, as palliñas reusables, as toallas sanitarias de tea ou copas menstruais, os desodorantes en crema, as esponxas naturais, os cepillos de dentes de bambú e con cerdas naturais... Como vedes, existen alternativas respectuosas co medio.




Tamén falounos de REUTILIZAR e para poñelo en práctica, peques e rebuldeiros creamos unhas orixinais macetas con envases baleiros nas que plantaron sementes que pronto agromarán.



E finalmente, compuxemos un mural entre todos e todas co lixo recollido por vós que xa onte estivemos clasificando e hoxe fomos colocando nun taboleiro a modo de composición artística. 

Os peques de Pazos colocaron as pezas brancas, amarelas e vermellas... Os rebuldeiros, as verdes... Os tritóns, as azuis e os maiores... as negras. É increíble a cantidade de lixo que aparece na praia. Menos mal que contamos cunha lexión totalmente convencida da importancia de coidar o noso planeta e que este verán vaise encargar de recoller parte do lixo que se atope na praia. A que si?







Era tanto o lixo recollido que aínda non rematamos. Pero prometemos ensinarvos o resultado final cando o coloquemos en algún lugar do cole. Queremos que perdure no tempo para que sirva para tomar conciencia do que os humanos lle están a facer ao planeta e do que podemos facer para reverter esta situación.

#espazODSparaaconcienciACCIÓN

Ningún comentario: