luns, 30 de xaneiro de 2023

Contacontos de Helga Méndez

E hoxe, grazas á nosa ANPA molona, tivemos a sorte de contar con Helga Méndez García, de Maquinaria Teatro para sorprendernos nunha divertida e deliciosa sesión de contos contados.

Da sorpresa pasamos a acción nuha trepidante viaxe con persecución incluída a través de varios contos de Gianni Rodari; e da acción, pasamos á escoita atenta, nun ambiente máxico co que descubrimos a xenerosidade da Natureza cunha delicada versión de "A árbore xenerosa" de Shel Silverstein.

Foi unha tarde estupenda na que gozar en familia a través dos contos da man de Helga Méndez.


Moitas grazas á ANPA do cole por facelo posible.

E ao despedirnos, descubrimos que Helga foi alumna do noso cole. Anda! Pero que casualidade máis linda, verdade? 


Benvida de novo á túa escola! 

Enerxía asequible e non contaminante para traballar o Día da Paz.

 

O acceso á enerxía condiciona enormemente as posibilidades de desenvolvemento humano, social e económico. A poboación mundial está medrando e con ela tamén medra a demanda de enerxía, polo que é fundamental facerlla chegar a toda a poboación para mellorar a escala global o acceso a sistemas de cocción, calefacción, iluminación de escolas e hospitais, comunicación e acceso a internet, máquinas e ferramentas de traballo... 

Ademais, é preciso que a enerxía sexa sostible para que permita o desenvolvemento sen comprometer a capacidade das xeracións futuras, polo que hai que impulsar unha transición enerxética, que non só sexa sostible, senon que tamén sexa xusta e que inclúa instrumentos de redución da desigualdade e apoie aos consumidores máis vulnerables.
Unha transición enerxética sostible e xusta é unha oportunidade que permitirá sentar as bases sobre as que construir unha nova economía sostible e competitiva que creará novos empregos e aumentará a inversión, posibilitando un pilo á innovación e o desenvolvemento empresarial.

O ODS 7 pretende a curto prazo, garantizar o acceso universal a unha enerxía asequible, sostible, segura e moderna, para mellorar as condicións de vida de millóns de persoas. 

A longo prazo, o ODS 7 tamén persegue aumentar o uso de enerxías renovables en detrimento dos combustibles fósiles, que actualmente sosteñen en gran medida a economía global, e fomentar a eficiencia enerxética, creando unha economía completamente sostible con baixas emisións de gases de efecto invernadoiro.


Se conseguimos mudar os nosos hábitos de consumo enerxético estaremos contribuíndo a mellorar o noso planeta. A PAZ comeza en nós: somos o motor do cambio, e isto no cole de Pazos, sabémolo moi ben e quixémolo contar no noso libro colectivo da paz, este ano tamén en formato audiovisual.

mércores, 18 de xaneiro de 2023

Bienveneu! Erasmus+project

Hoxe tivemos unha visita moi especial, xa que é a primeira vez que abrimos as nosas portas para acoller a profesorado doutros países. Neste caso, foi un grupo de cinco franceses os que viñeron a compartir con nós a xornada para observar as nosas prácticas en canto ao uso da tecnoloxía, a inclusión e a ecoloxía

Esta actividade está enmarcada dentro do Job -Shadowing Activities (Special Needs, Ecology & ICT) promovido polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol, de forma complementaria ao Evento Multiplicador que terá lugar no CIS da Cabana esta semana, e no que tamen participaremos compartindo as nosas experiencias dentro do Proxecto de Internacionalización Erasmus+.

Preme nesta imaxe para acceder a todas as fotografías.

Puideron observar ao grupo de 5º e 6º de Primaria no recén estreado laboratorio "Deborah García Bello" realizar un obradoiro de ciencia, baseado na metodoloxía IBSE (Inquiry Based Science Education) e que incorporamos ás nosas prácticas de forma sistematizada grazas á formación recibida polo noso profesorado en Varsovia, dentro do proxecto Erasmus+.

Tamén viron ao grupo de 3º de Primaria, grabando algunha escena para a tarefa do libro colaborativo da Paz sobre o ODS7 empregando o croma na aula de audiovisuais "Margarita Ledo Andión".

No "Mercado de Chispa" puideron observar ao grupo de 6º de Infantil realizando unha tarefa de educación nutricional na que empregaban as tabletas para escanear os códigos de barras dos produtos do mercado, obter información nutricional sobre eles e recollela nunhas follas de traballo.


Pasaron tamén polas aulas de Educación Infantil e atopáronse con peques de 4º e 5º de infantil que estaban realizando unha actividade sensorial, fabricando "neve" e exporando as propiedades do xeo.


Na aula de 4º de Primaria puideron observar o apoio que se lle brinda ao alumnado con necesidades de apoio específicas, analizando o material empregado e a personalización do mesmo por parte do profesorado.

Na aula de 1º e 2º de Primaria estaban realizando unha actividade por estacións de aprendizaxe relacionada coas sementes na que empregaron múltiples recursos. 
Taboleiro para DOC e microscopio dixital

Compartiron tamén con nós o tempo de recreo no que, por ser mércores, tiñamos "Recre-Reto de Chispa" e no que realizamos xogos cooperativos con aros, zancos e cordas. 

E remataron a mañá coa observación dunha sesión de ALFIN/AMI co grupo de 4º de Primaria na zona de traballo STEAM da Biblioteca "Xoán Farias", na que empregaron tanto o material de Digicraft no teu cole como o de Polos Creativos.

E na aula de traballo cooperativo "Ángeles Alvariño" compartiron co grupo de 1º e 2º de Primaria os seus avances dentro da nova misión en torno ao ODS 7: Enerxía asequible e non contaminante, do noso PDI "espazODS_para_a_concienciACCIÓN".

Como vedes foi unha intensa mañá na que puidemos amosar aos nosos colegas franceses as nosas prácticas educativas. E, por suposto, non puideron marchar sen deixar a súa pegada no noso libro de visitas. Agardamos que o seu paso pola nosa escola deixe tamén unha forte pegada neles e ao chegar ás súas escolas compartan cos seus compañeiros as nosas boas prácticas educativas.

luns, 16 de xaneiro de 2023

Mesturas para estrear un novo espazo do cole.

E xa é hora de comezar a empregar os novos espazos que fomos habilitando no cole grazas ao proxecto de Polos Creativos e que nos servirán para aunar esforzos e complementar as actividades do noso Proxecto Documental Integrado "esPazODS_para_a_concienciACCIÓN" que se apoia no Plan Anual de Lectura da nosa biblioteca.

Así, o grupo de 4º de Primaria que anda a investigando sobre a materia as súas propiedades e cambios, tivo a honra de facer a estrea do noso Laboratorio "Deborah García Bello", no que realizaron unhas experiencias coas mesturas.

Como xa ben sendo habitual, empregaron a metodoloxía IBSE, unha metodoloxía específica para a aprendizaxe das ciencias que está baseada na indagación a través dos feitos que nos ofrecen as experiencias científicas, e das que obter as propias conclusións. 

A tarefa proposta consitía en misturar diferentes substancias - cacao, aceite, fariña, sal - con auga e averiguar se eran mesturas homoxéneas, nas que non se poden distinguir os seus compoñentes, ou heteroxéneas, nas que os seus compoñentes distínguense doadamente.

É fundamental neste proceso cubrir as follas de recollida de datos, xa que lle servirán para voltar sobre os procesos realizados, revisalos e poder así escribir as súas conclusións.

Pasáronno en grande! E incluso houbo algún que non puido resistir probar algunhas das mesturas !!! 

xoves, 12 de xaneiro de 2023

Ano novo e... nova misión ODS.

E hoxe apareceron nas aulas os sobres coas misións ODS que nos vai propoñendo Chispa en torno á Axenda 2030. Desta volta sobre o ODS 7: ENERXÍA ASEQUIBLE E NON CONTAMINANTE.

Así que comezamos un novo trimestre e unha nova misión cargada de enerxía!!!



Aquí tedes os vídeos dos que nos fala Chispa na súa carta, para poñernos en acción:



Lembrade que a forma de construír un mundo mellor é a través de pequenas accións cotiás: moita xente pequena, facendo cousas pequenas poden lograr un cambio definitivo. 
Recollamos todas elas nun libro colaborativo para facer un mundo máis xusto, solidario e resilente.

O cambio comeza en nós! Porque pequenos xestos poden cambiar o mundo. Pásate á acción!
espazODS_para_a_concienciACCIÓN