mércores, 18 de xaneiro de 2023

Bienveneu! Erasmus+project

Hoxe tivemos unha visita moi especial, xa que é a primeira vez que abrimos as nosas portas para acoller a profesorado doutros países. Neste caso, foi un grupo de cinco franceses os que viñeron a compartir con nós a xornada para observar as nosas prácticas en canto ao uso da tecnoloxía, a inclusión e a ecoloxía

Esta actividade está enmarcada dentro do Job -Shadowing Activities (Special Needs, Ecology & ICT) promovido polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol, de forma complementaria ao Evento Multiplicador que terá lugar no CIS da Cabana esta semana, e no que tamen participaremos compartindo as nosas experiencias dentro do Proxecto de Internacionalización Erasmus+.

Preme nesta imaxe para acceder a todas as fotografías.

Puideron observar ao grupo de 5º e 6º de Primaria no recén estreado laboratorio "Deborah García Bello" realizar un obradoiro de ciencia, baseado na metodoloxía IBSE (Inquiry Based Science Education) e que incorporamos ás nosas prácticas de forma sistematizada grazas á formación recibida polo noso profesorado en Varsovia, dentro do proxecto Erasmus+.

Tamén viron ao grupo de 3º de Primaria, grabando algunha escena para a tarefa do libro colaborativo da Paz sobre o ODS7 empregando o croma na aula de audiovisuais "Margarita Ledo Andión".

No "Mercado de Chispa" puideron observar ao grupo de 6º de Infantil realizando unha tarefa de educación nutricional na que empregaban as tabletas para escanear os códigos de barras dos produtos do mercado, obter información nutricional sobre eles e recollela nunhas follas de traballo.


Pasaron tamén polas aulas de Educación Infantil e atopáronse con peques de 4º e 5º de infantil que estaban realizando unha actividade sensorial, fabricando "neve" e exporando as propiedades do xeo.


Na aula de 4º de Primaria puideron observar o apoio que se lle brinda ao alumnado con necesidades de apoio específicas, analizando o material empregado e a personalización do mesmo por parte do profesorado.

Na aula de 1º e 2º de Primaria estaban realizando unha actividade por estacións de aprendizaxe relacionada coas sementes na que empregaron múltiples recursos. 
Taboleiro para DOC e microscopio dixital

Compartiron tamén con nós o tempo de recreo no que, por ser mércores, tiñamos "Recre-Reto de Chispa" e no que realizamos xogos cooperativos con aros, zancos e cordas. 

E remataron a mañá coa observación dunha sesión de ALFIN/AMI co grupo de 4º de Primaria na zona de traballo STEAM da Biblioteca "Xoán Farias", na que empregaron tanto o material de Digicraft no teu cole como o de Polos Creativos.

E na aula de traballo cooperativo "Ángeles Alvariño" compartiron co grupo de 1º e 2º de Primaria os seus avances dentro da nova misión en torno ao ODS 7: Enerxía asequible e non contaminante, do noso PDI "espazODS_para_a_concienciACCIÓN".

Como vedes foi unha intensa mañá na que puidemos amosar aos nosos colegas franceses as nosas prácticas educativas. E, por suposto, non puideron marchar sen deixar a súa pegada no noso libro de visitas. Agardamos que o seu paso pola nosa escola deixe tamén unha forte pegada neles e ao chegar ás súas escolas compartan cos seus compañeiros as nosas boas prácticas educativas.

Ningún comentario: