venres, 26 de maio de 2023

De Pazos á Malata, en bici ou a patas!

Dentro do PDI "esPazODS para a concienciACCIÓN", durante este trimestre estamos a traballar sobre o ODS 11: Cidades e comunidades sostibles.

Analizando as vías de comunicación da nosa contorna e as infraestructuras para o lecer activo e saudable, rapidamente démonos conta de que as primeiras son moi deficientes e as segundas, máis ben escasas.

Por iso, hoxe o alumnado de 3° a 6° de Primaria, acompañados por algunhas das súas familias, foi caminando desde Pazos ata a zona recreativa de A Malata, exactamente ata o parque de patinetes que hai alí. Tiveron que marchar escoltados pola policía e protección civil, xa que a ruta carece de beirarrúas ou arcén.

Preme na foto de arriba para acceder ao álbum completo de fotografías deste día.

Os peques de Pazos e @s Rebuldeir@s saímos á porta do colexio a animar aos nosos compañeiros e compañeiras para que colleran o camiño con máis folgos!

Reclamaron a viva voz a mellora das vías de comunicación do rural durante a andaina. Precisamos beirarrúas e carril bici que una a zona residencial de Pazos coa zona recreativa da Malata.

Verdadeiramente é unha mágoa que a estas alturas non exista o compromiso do goberno local (independentemente da súa cor) para mellorar os viais para a nosa veciñanza.

Aquí acaba a beirarrúa que temos en fronte da nosa escola, a escasos 50 metros do colexio.

E este o seu estado de "conservación", uns meses despois da súa reparación.




Como vedes o percorrido é perigosísimo, pois carece de beirarrúas ou arcén en practicamente a totalidade do itinerario. Hoxe o noso percorrido foi seguro porque íamos acompañados da policía local e de protección civil. Pero, que pasaría se non viñeran con nós? Credes que a rapazada podería facelo por si mesma?

Unha vez chegados ao parque de patinetes, pasámolo en grande. Iso non hai que dicilo, verdade? Grazas ao profe Pablo que fixo unha viaxe co seu coche cargado a tope, puidemos gozar cos nosos patíns e patinetes dunha mañá estupenda de xogo ao aire libre.








O rural precisa de infraestructuras e servizos para a mellora do ocio activo e saudable para a rapazada. Non é xusto que haxa cidadáns de primeira, con acceso a todos os servizos que ofrece a cidade, e outros de segunda, cunhas vías de comunicación tan deficitarias que non permita que a rapazada do rural poida gozar dun ocio activo e sudable.

Porque unha cidade que traballa por mellorar a calidade da vida da súa veciñanza, independentemente do seu barrio, é unha comunidade máis xusta e resilente.

esPazODS para a concienciACCIÓN

Ningún comentario: