xoves, 21 de marzo de 2024

Somos o CEIP de Pazos, Mestre García Niebla

Fermosa xornada a deste xoves na que celebramos o Día da Árbore, o Día da Poesía e honramos o nome de García Niebla.


Se premes nesta fotografía accedes ao álbum completo deste día.

Iniciamos o día na Biblioteca, onde falamos da vida deste mestre excepcional que dá nome ao noso cole, a través da exposición que fomos compoñendo coas ilustracións de todas e todos e a información tirada do libro de Guillermo Llorca “Juan García Niebla: Entre a innovación pedagóxica e o compromiso social”.


E rematamos na Biblio coa lectura dun poema inédito cedido por Antón Cortizas Amado para a ocasión: “A maceira e o can de Newton” co que puidemos rir imaxinando a escea ; )

Despois, a media mañá, plantamos a “Maceira de García Niebla”, coa axuda en primeiro lugar das mans de Xaime e Manu, quen fixeron un gran furado para que despois a tarefa nos resultase máis doada, moitas grazas aos dous, ademais eramos moitos a plantar e, coa axuda de todas e todos, acabamos nun retrinco. Seguro que en pouco tempo poderemos recoller as primeiras e riquísimas mazás príncipe, mmmmm...



Ao rematar colocamos o cartel co seu nome e lemos unha selección de poemas que, novamente, nos facilitou Antón, xeneroso, coma sempre, co seu tempo e as súas rimadas verbas.


Con el fixemos a continuación uns obradoiros na Biblioteca, no laboratorio e na sala de audiovisuais: 
Por un lado, confeccionamos un libriño con cantareas, adiviñas e poemas relacionados coas árbores, que máis adiante rematarán con ilustracións das follas de cada unha das que aparecen nas súas páxinas. 


Por último, fabricamos un brinquedo con bugallos, unha “curuxa”. Queredes saber de que vai isto? Despois de furar e baleirar un bugallo podemos soprar nel coma que sopra nunha frauta traveseira e conséguese así o máxico e doce son dunha curuxa. 
Antón Cortizas ten recollido este brinquedo no seu “Tastarabás”. Se tedes oportunidade, podedes botar mil vistazos a este libro e nunca vos cansaredes. Descubriredes novas enredos de cada vez para xogar con elementos que nos brinda a natureza. Grazas, Antón por regalarnos tanto!



Pola tarde tivemos unha sesión especial xunto a persoas moi queridasque se achegaron ata a nosa Biblioteca para escoitar a Guillermo Llorca –grazas a todas-, quen nos agasallou cunha sentida e emotiva charla sobre a figura do mestre Juan García Niebla. 
Estas semanas pasadas estivemos traballando sobre el nas clases, e os libros deste historiador e profesor foron unha fonte indispensable para coñecer a súa vida de compromiso e a súa excepcional obra coma docente. 


Agradecemos a Llorca ternos transportado a ese pasado non tan lonxano. Para o noso centro é un orgullo completar co nome deste mestre o do noso colexio, porque compartimos aqueles ideais que defendeu hai xa máis de cen anos e porque é unha forma de manter viva a súa memoria, a súa historia e o seu bon facer.



“Hai que recuperar, manter e transmitir a memoria histórica, porque se empeza polo olvido e remátase na indiferencia”
José de Saramago

Somos o CEIP de Pazos-Mestre García Niebla!

De novo, o noso máis sinceiro agradecemento a Antón e a Guillermo polas súas colaboracións desinteresadas, á Asociación Muíño do Vento por facer posible  a segunda edición do libro de Llorca, "Juan García Niebla": Entre a innovación pedagóxica e o compromiso social", ás persoas que compartiron esa tarde con nós, e a todas as compañeiras e compañeiros que organizaron estes dous eventos, incluído un picoteo final case artístico, epicúreo, maiúsculo e..., seguro que a Antón se lle ocurriría algún esdrúxulo máis ;D !!

Ningún comentario: