martes, 24 de febreiro de 2009

CELEBRAMOS O ENTROIDO!



Despois dos mandadaos do noso MECO, este ano disfrazado de PELIQUEIRO, chegou o venres e ai nos tedes a todos disfrazados.


Os máis pequenos escolleron un disfraz de xardineiros e xardineiras. Os do primeiro ciclo vestíronse de trasnos; os do segundo, de mariñeiros; e o terceiro ciclo de "chachas". O que dan de si as bolsas de plástico, non credes?

No cole houbo fotos, desfile, baile ao ritmo do "Pirimpimpím", merenda de orellas e freixós... con chocolate quentiño, -grazas mamis!- ! mmmmm!, e tamén fixemos a lectura dos testamentos e queimamos o meco.


E ESTES SON OS TESTAMENTOS DO 2º E O 3º CICLOS:

TERCEIRO:
Nesta mañá de febreiro,
e antes de morrer na fogueira,
paso a ler o testamento
ao son da pandeira.
Queimadiño vou quedar
e vanme fastidiar,
pero neste momento,
impórtame un pemento.

Déixolles aos de Infantil
un encerado e un xiz.
Para os de primeiro
un sombreiro.

Aos de segundo
un mapa do mundo.
Para os de Terceiro
un pexegueiro.

A cuarto enteiro
un trasno xogueteiro
e para quinto e sexto
laranxas nun cesto.
Agora atención!
A david pelotín
déixolle unha pelota de futbolín.
Para Paula superlectora
un conto nunha folla.
Para Ismael
un balón porque estase
a portar ben.
Déixolle a Alejandro
un coche de cabalos.
A Miriam bailarina e cantante
Un bailón elefante.
E por último para Andrea branquiña
déixolle unha piña.

E para todo os profes
moita diversión
porque están cansados
de traballo a montón.


CUARTO:
Este ano por cuarto,
pasou o Meco troulando.
A Leandra, a portuguesa,
deulle unha sorpresa.
E levou tal susto,
que se quedou tesa!

A Lucía, a loura,
deixoulle unha vasoira,
para ir de bruxa,
polas corredoiras.

A Paula, a do lazo,
deixoulle un cazo,
para ir polas portas,
cantando e boreando.

A Laura Sanjurjo
deixoulle un currucho,
para merendar
cando vai pescar.

A Alba Rama
deixoulle unha cana
para pescar
os peixes do mar.

A Xosé Ximénez
regaloulle a peli
do Ratiño Pérez.

A Lucía, a profe,
deixoulle un cofre,
cheo de paciencia
para usar cando sofre.


TERCEIRO CICLO:
Este meco peliqueiro,
canso xa de tanto inverno,
antes de quedar asado,
cédenos o testamento.

Uralitas con lunares ,
para o noso pavillón,
que despois do temporal,
quedou coma un coador.

O mellor curso, o de quinto,
moito teñen que aguantar,
que os de sexto nunca paran,
un minuto de falar.

E discreparán os de sexto!!,
e quererán protestar!!,
mira ti se son uns santos,
que nunca os castigan por charlar.

Logo déixolles aos de quinto,
para as orellas uns tapóns;
e para sexto, esparadrapo,
para zanxar a cuestión.

E dos profes xa nin falo,
moito me fan sufrir,
vestíronme de peliqueiro,
e parezo un pirulí.

Déixolles, sen ningún remorso,
un fermoso maniquí,
para que practiquen todo o ano,
e aprendan a me vestir.

Aí vai a despedida,
aquí vén a derradeira;
collédeme con cariño
e botádeme á fogueira!!!





4 comentarios:

Encarna dixo...

Ese meco disfrazado de Peliqueiro está espectacular, que pena que sexa para queimar!!!, e non digamos os disfraces dos nenos, nenas e profes. Parabéns polo traballo, o importante e que se ve que o pasáchedes moi ben.(creo recoñecer á "doncella" do plumeiro azul...)
Bicossss e FELIZ ENTROIDO!!!!!!!!

Loly dixo...

Totalmente de acordo con Encarna, ese Meco merecía o indulto... e que dicir do marabilloso mural e dos fantásticos disfraces, (non sei de que bolsas falades) en fin, que os nosos parabéns por un entroido tan ben festexado.

bibliotecadocole dixo...

Que disfraces máis chulos, si que traballastes. E a do plumeiro,deixaría todo limpo ao rematar,non?
Biquiños dende Moaña

Leo dixo...

Un día de festa! Preciosos disfraces e fermosísimo meco.
Noraboa a ese claustro tan traballador.