sábado, 27 de novembro de 2010

ADEUS A FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Onte faleceu en Vigo o escritor, intelectual, Don Francisco Fernández del Riego, un dos pais do galeguismo do Século XX. Fundador da Editorial Galaxia, ex-presidente da Real Academia Galega, un dos impulsores da celebración do Día das Letras Galegas, e director da Biblioteca Penzol durante case medio século, ata xaneiro deste ano...
Neira Vilas recorda a súa estreita relación con Fernández del Riego. Intervención na USC
El País, Brétemas, EDL do CEIP de Pazos

Achegándonos a GLORIA FUERTES


Se queres achegarte aos poemas de Gloria Fuertes e coñecela un pouco mellor, seguro que che gustará visitar a súa páxina na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
Naceu no ano 1917, un ano antes do fin da I Guerra Mundial. Despois dunha longa vida adicada á poesía infantil, faleceu o
27 de novembro de 1998, en Madrid.
Hoxe recordamos a súa figura:
GLORIA FUERTES

xoves, 25 de novembro de 2010

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO




Aínda que noutras ocasións xa escoitamos estes contos, cremos que estaría ben recordar a súa mensaxe nun día coma o de hoxe.
Seguro que nos farán reflexionar a grandes e pequenos.
Arturo y Clementina


mércores, 24 de novembro de 2010

VISITA DAS BIBLIOTECAS AMIGAS

Como vimos facendo nos últimos anos, as bibliotecas dos centros públicos de Ferrolterra xuntámonos cada mes para compartir proxectos, ideas, algo ou moito de tempo e traballo. Desta vez houbo un pequeno cambio. E é que a reunión fíxose nunha biblioteca. Que boa idea! ¿Que mellor lugar para falar das mesmas?
Temos un proxecto en vista cara ao 2 de abril, o Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil, sobre Xoán Farias. Pero xa vos iremos adiantando de que se trata.
Mentres, fixádevos cantas biblios xuntas nunha soa tarde para falar de libros e máis cousas...
A Biblioteca do CPI Conde De Fenosa, de Ares, a Biblio do CEIP A Unión Mugardesa, a do CEIP José Mª Lage, de Ortigueira; a Biblio do CPI de San Sadurniño; a do CEIP O Ramo, e "O Segrel do Penedo", do IES de Fene; a Biblio do CEIP de San Isidro e a do IES Fernando Esquío, de Neda; a Biblio de Andrade e a do CEIP Couceiro Freijomil, de Pontedeume; e a do CEIP Manuel Masdías, do CEIP A Solaina, a do Isaac Peral, a Biblio do CEIP Juan de Lángara, a do IES Concepción Arenal, e nós: a Biblio Xoán Farias, de Pazos.

Grazas a todas pola vosa presenza. Foi un pracer compartir esta tarde con vós.
Ata a próxima, que cremos, será na do IES de Neda. ¿A que si?

E antes de que haxa protestas... A culpa de tantas fotos é de Loly, que ten un tic no dedo co que preme o botón da cámara. Eu só fixen dúas ou tres. Hi, hi, hi!

mércores, 17 de novembro de 2010

BIBLIOTECA NO AEROPORTO!! FANTÁSTICO!




A profe Rosa envioume un enlace a unha noticia moi agradable para os meus oídos. E eu mirando e mirando cheguei a "The New York Times", onde explica que no Aeroporto Schiphol, de Amsterdam, hai aberta unha biblioteca que conta cuns 1200 libros escritos en máis de dúas ducias de idiomas, pero todos son libros de autores holandeses, ao igual que a temática. Así, algúns pasaxeiros que teñen que esperar moitas horas no aeroporto, teñen a oportunidade de coñecer Holanda a través dos libros.

A que é interesante?

martes, 16 de novembro de 2010

REVISTA GALEGA DO ENSINO, Nº 59


Se premedes na imaxe accederedes ao número 59 da Revista Galega do Ensino, no portal da Consellería e Ordenación Universitaria.

sábado, 13 de novembro de 2010

ADEUS A GARCÍA BERLANGA


Hoxe despedimos a Luis García Berlanga, e con el morre un estilo, unha voz, a visión dun país, unha cultura, unha filosofía propia sobre o xénero humano, zurcida a dúo con outro xenio, o guionista Rafael Azcona. (El País.com)
"En 1986 recibió el Premio Príncipe de Asturias de las Artes y en 1993 el Goya al mejor director por Todos a la cárcel. Su película Plácido fue nominada para el Oscar a la mejor película extranjera en 1961. Ha recibido la Medalla de Oro de las Bellas Artes en 1981, el Premio Nacional de Cinematografía en 1980 y la orden italiana de Commendatore." (Famosos valencianos)
Hoxe paseando pola rúa Real de Ferrol, entrei nunha farmacia e merquei dúas caixas de "Pastillas contra el dolor ajeno". Cando cheguei a casa e acendín o meu ordenador, vin isto:

venres, 12 de novembro de 2010

CONTOS DE MEDO: "O misterio da pucha do rato"


ESTE É O CONTO QUE AS NENAS E OS NENOS DO TERCEIRO CICLO ESCRIBIRON.
"O MISTERIO DA PUCHA DO RATO"
Nos tempos de María Castaña, nunha fría e escura noite de Samaín, Xan, un neno orfo que sempre levaba unha pucha vermella, atopou acubillo nunha casa deshabitada moi preto, case ao lado, do colexio de Pazos. Tropezou cunha trapela oculta no chan. Abriuna con moito medo, esvarou e caeu a un soto. Decidiu pasar a noite alí e agardar a que saíse o sol. Cando estaba a piques de quedar durmido, sentiu que unha man lle tocaba no lombo. Un arrepío percorreulle todo o corpo. Virouse e viu dous ollos brillantes que o miraban fixamente. Xan preguntou -¿Quen es e que fas aquí? -Son o espírito do último dono desta casa. Hai máis de douscentos anos quedei aquí atrapado nunha noite coma esta, e non fun quen de saír. Cada noite de Samaín aparézome aos que caen no meu soto. Co meu pau de buxo e unhas palabras máxicas, convírtoos en ratos. E así será ata que me enterren no cemiterio. O primeiro que pensou Xan foi saír a fume de carozo, pero claro, así non solucionaría nada. Entón Xan díxolle que se o deixaba marchar de alí, el mesmo se encargaría de buscar axuda para cumprir o seu último desexo. O espírito negouse, achegouse aínda máis a el , e de súpeto, cun rápido movemento, nun abrir e cerrar de ollos, en menos que chía un rato, sacou o seu pau de buxo e... ZASS! Non se soubo máis de Xan. Ás veces, moi de cando en vez... ¿Non veriades pasar un pequeno rato con algo vermello na cabeza? Haaaaaa, haaaaaaaaaaaa!!!!!!!! Continuarááááááááááá´.

CONTOS DE MEDO: "O pobo embruxado"



ESTE É O CONTO QUE AS NENAS E NENOS DE CUARTO ESCRIBIRON.
"O POBO EMBRUXADO"
Sucedeu un día de lúa chea, treboada, chuvia, vento e raios, que nun bosque descubriuse unha casa encantada. Era de cor verde escura por fóra e con moitoa luz por dentro. Alí vivía unha bruxa malvada chamada Mali, co seu gato negro, a vasoira máxica e a súa irmá Brala, tamén bruxa, pero moi boa, porque aconsellaba que non fiexera feitizos malos, nin dano á xente. Pero ela non lle facía caso.
Un día de outono apareceron dous nenos na casa encantada. Petaron na porta e asomouse a bruxa Mali. Ao velos púxose moi furiosa e quixo transformalos en sapos, pero Brala non lle deixou. Cada vez estaba máis enfadada porque non podía conseguir o que quería. Entón decide enterralos vivos nunha tumba convertidos en vampiros. Chupaban o sangue a todos os que atopaban. Todos os habitantes do pobo escaparon de aquel lugar embruxado.

CONTOS DE MEDO: "O cemiterio vivente"


ESTE É O CONTO QUE ESCRIBIRON OS NENOS E NENAS DE 3º.
"O CEMITERIO VIVENTE"
Esta é a historia duns nenos chamados Xosé e Xana, que vivían nunha aldea preto dun cemiterio que era moi estrano. Un día que os nenos estaban paseando polo bosque, comezou unha gran treboada e tiveron que se refuxiar nunha casa vella que estaba ao lado do cemiterio. De súpeto, comezaron a escoitar uns ruídos moi fortes e asustáronse. Cando parou de chover, foron cara ao cemiterio porque os ruídos continuaban. Alí viron moitas pantasmas e morcegos que saían das tumbas para asustar a todas as persoas que por alí apareceran. Os nenos, facéndose os valentes, foron loitar contra eles e caeron nunha tumba aberta que se cerrou no momento. Quedaron atrapados case toda a noite ata que unha persoa que andaba polo cemiterio, os liberou. Os nenos déronlle as grazas e fixéronse amigos. Cando chegou o día, viron que esa persoa se metía nunha tumba e eles, abraiados, déronse conta de que era un morto vivente. A partir daquel día, foron visitalo todas as noites.

CONTOS DE MEDO: "O rapaz de sete anos"


ESTE É O CONTO QUE OS NENOS E NENAS DE SEGUNDO ESCRIBIRON.
"O RAPAZ DE SETE ANOS"
Érase unha vez un rapaz que tiña 7 anos, todos lle tiñan medo porque vivía nunha casa moi grande. Non tiña amigos e estaba sempre pechado na casa. Polas noites encendía as luces da súa casa e saía pola ventana convertido en home lobo. Marchaba polo bosque para xogar cos seus amigos pantasmas, morcegos, momias e bruxas. Despois polo día estaba tan canso que o pasaba durmindo, e volvíase a converter nun rapaz de 7 anos sen amigos. Unha noite cando xogaba cunha bruxa converteuno nunha araña. A partir dese momento pasou o resto dos seus días tecendo telarañas polas paredes da súa inmensa casa. Pero un día entrou na casa un morcego que tiña moita fame, e cando viu a araña, primeiro chupoulle o sangue e despois comeuna. E así foi como desapareceu o rapaz de 7 anos.

CONTOS DE MEDO: "A excursión de 1º e 2º"


ESTE É O CONTO QUE ESCRIBIRON OS NENOS E NENAS DE 1º.
"A EXCURSIÓN DE 1º e 2º"
Certo día, no mes de novembro, os nenos e nenas de 1º foron de excursión ó castelo do Lobo Feroz. Ó chegar as dez da noite e cando todos estaban deitados, apareceu unha momia de cor rosa que quería come-los nenos. Entón comenzou a chover e Sabela e Alba chamaron a tódolos demais nenos e ó profe Pepe e despertou a todos que estaban rodeados de momias (que querían converter a Pepe en momia). De súpeto chegaron os nenos e nenas de 2º coa súa profe armados con lanternas e farois e as momias tiveron tanto medo que marcharon para sempre e xa todos no autobús volveron para o colexio e alí estaba o director, Ramón, preparando un gran festón con tódolos nenos do colexio disfrazados de momia.

CONTOS DE MEDO: "Meigas, morcegos e serpes en Barcelona"


ESTE É O CONTO DOS NENOS E NENAS DE INFANTIL 3 E 4 ANOS

"MEIGAS, MORCEGOS E SERPES EN BARCELONA"
Hai moitos anos, un morcego, unha fada e unha meiga, boa e grande, cunha vasoira que falaba e dicía: UUUU...! UUUU...!, atoparon unha serpe mala nun cadrado que daba voltas. O cadrado estaba nunha parede con fiestras dentro dunha casa. A casa estaba en Barcelona. Dentro había meigas e morcegos que facían: UUUU...!, UUUU...! E limpaban os polvos máxicos que eran malos e facían que a xente boa se convertise en estatuas.
Na casa había cinco estatuas de pedra: unha tiña forma de cabeza enfadada, outra tiña forma de xente pelexando, outra tiña forma de dedo negro; a cuarta forma de reloxo gris escuro, que mentres camiñaba rabuñaba na xente e a facía sangrar. E a última tiña forma de ollos e boca. A boca que ensinaba uns dentes grandes e con pinchos e os ollos escuros con pestanas longas e ollada enfadada.
A fada Vermella, a fada dos bosques, salvounos cos seus polvos máxico. Vermella botou polvos máxicos por riba da cabeza das estatuas e as estatuas convertíronse en xente. Quixeron saír pero a porta estaba pechada. Saíron pola fiestra onde había unhas escaleiras de emerxencia que aparecían sempre que a porta se atascaba.
A xente moi contenta e feliz foi a China, onde estaba a súa casa. Alí fixeron a cea e viron a tele pero un raio rachoulles os cables, así que tiveron que ir a cama a durmir. E, mentres durmían soñaron cun triángulo-cuadrado que rompía as camas e con paraugas que botaban flores. E colorín colorado este conto está rematado.

HORA DE LER MÁIS CONTOS DE MEDO

E hoxe continuamos lendo os CONTOS DE MEDO que fixemos entre todos nas nosas clases, os contos colectivos nos que todos e todas participamos, aprendendo así dos demais e dando de nós o mellor que temos. Traballamos coa imaxinación, agardamos o turno para dar as nosas ideas, aprendemos a escribir palabras novas, recordamos onde hai que colocar as comas, e os puntos, lemos en voz alta, compartimos cos demais, ilustramos, decoramos e rimos a cachón. Os pequenos aprenden dos maiores e os maiores dos pequenos. Chispa díxonos que nos esmerásemos porque había de ler todos e cada un deles. Así que aí van; primeiro as fotos e pouco a pouco, o resto dos contos (que o dos maiores de Infantil xa o coñecemos, non?):


DECORAMOS AS BUXAINAS


Que vos parece esta idea? Buxainas decoradas cun pouco de imaxinación e algún outro material. Algunhas marcharon para as casas antes de as fotografar, pero podedes ver estas.



MAGOSTO CON BUXAINAS. Mmmmmm.


Unha imaxe vale máis ca mil palabras. Onte á parte de ler os poemas e os contos, celebramos o magosto e o Día da buxaina. Tooodo xunto. Que ben. Pasámolo "bomba". Fixemos colares de zonchos, asamos castañas, comemos castañas; fixemos buxainas, xogamos coas buxainas, decoramos as buxainas... É que houbo de todo, de todo.
Mentres preparabamos os colares e os cucuruchos, empezaron a asar as castañas no patio.Logo tocou comelas...






E limpar e recoller para poder xogar..




E despois tocoulle o turno aos xogos, e aquí tedes a mostra...




xoves, 11 de novembro de 2010

HORA DE LER POEMAS E CONTOS DE MEDO COLECTIVOS





Hoxe adicamos HORA DE LER a contarnos os poemas e algúns dos Contos de Medo colectivos que estivemos a escribir nas clases. Mañá continuaremos e subiremos a este blog os contos para compartilos con quen os queira ler. De momento deixámosvos as fotos. Como veredes, hoxe a Biblioteca estendeuse moito máis aló das súas portas para encher o ar de terroríficas palabras.


¡¡¡¡¡LA MÁS BELLA ANDA!!!!!

Non sei se vos soará isto, ou se sabedes o que é. Esta, en concreto, editouse en febreiro de 2010, e é o último "número" da REVISTA LA MÁS BELLA. Un claro proxecto de experimentación no mundo editorial que naceu en 1993. Como eles mesmos declaran na súa páxina: "Cada nueva edición de La Más Bella cuenta con el trabajo de cientos de colaboradores procedentes de todas las disciplinas artísticas, tanto plásticas como literarias, audiovisuales o conceptuales."
Non deixedes de facer unha incursión nesta páxina se queredes algunha dose de inspiración e creatividade. Aquí teñen para todos. Tamén hai un enlace ao seu blog.

CONTOS DE MEDO I


Mañá na HORA DE LER empezaremos a contar os Contos de Medo que estivemos preparando estes días nas aulas. Pero por se vos queredes adiantar a mañá pola mañá, podedes picar neste enlace de pequesPazos e ver un terrorífico conto de medo moi, moi doce.

Hi, hi, hi, hi, hi!
Noraboa a todos os nenos e nenas; e á profe tamén. Vaia traballo bonito, a que si?

mércores, 10 de novembro de 2010

Actividades na BIBLIOTECA MUNICIPAL


Desde a Biblioteca Municipal se están a desenvolver unha serie de actividades de animación á lectura: "As miñas lecturas", dirixido aos adultos e "A hora do conto", dirixida aos nenos e nenas. Se premedes na imaxe poderedes acceder á súa páxina.

PRIMEIRA MALETA DE CHISPA





Hoxe foi Chispa ao cole!! Cando escoitamos a música saímos todos ao corredor (sen correr) para subir (que no noso cole se sube) á biblioteca.Por pouco a vemos, pero escapou antes de tempo. Chispa é moi pillabana e nunca deixa que a vexamos de todo (ás veces vémola un pouco); hoxe Xaime, o noso conserxe estivo a punto de falar con ela pero, antes de se dar conta, xa non estaba. Pffff! Sempre igual!
A maleta pesaba tanto que case non podiamos con ela. Pensamos que traía ladrillos dentro. De verdade que pesaba un montón.

Pero resulta que noooonnn, que non traía ladrillos. Viña cheíña de sorpresas: bolsas personalizadas para o empréstito de libros dos máis peques; para os maiores, unhas chapas co novo nome da biblio; para o Equipo da Biblioteca, outras co logo do EQUIPO!!!; e para os mestres e mestras, outras máis moi chulis. Claro, pero o mellor de todo foi o montonazo de libros que había dentro da maleta: así pesaba!


xoves, 4 de novembro de 2010

RECREOS NA BIBLIO CON SAÚDOS



Hoxe Chispa deixounos unha nota moi pequena debaixo da mesa grande da Biblioteca. Case nin a vemos de pequena que era. Na nota poñía que dentro duns días vai pasar polo cole coa maleta, que está rematando de facer unhas compras.
Nós estamos desexando que veña porque este curso aínda non lle vimos o pelo, e mira que a chamamos, eh?, pero nada de nada.
Esperamos que a semana que vén apareza polo cole; ademais queremos vela, que sempre se nos escapa, e non hai dereito!

Mentres agardamos, deixámosvos unhas fotos para que as vexades. Son de hoxe na hora do recreo.





Ah! E tamén queremos enviarlles un saúdo a Anxo e a Lucas, e aos seus papás, que sabemos que nos visitan sempre que teñen oportunidade. Moitos bicos desde a Biblio. Esperamos que disfrutedes desta experiencia e moi axiña esteades de volta.

mércores, 3 de novembro de 2010

A Biblioteca vai recobrando o ritmo


Dicimos que recobra o seu ritmo porque despois de tanta celebración
empezamos a ver imaxes como esta.
Normalizamos as visitas e os empréstitos, o traballo do Equipo da Biblio e moitas cousas máis. Os peques xa nos visitaron varias veces e practicamos con Chispa e con Roi como hai que estar na Biblioteca, como hai que coller os libros, como hai que pasar as páxinas, como temos que coidar todo o que alí hai. E agora...
Esperamos que disfrutedes coa lectura!