domingo, 2 de decembro de 2012

"O MEU PRIMEIRO CELSO EMILIO" NO JOFRE

O grupo de 5º e 6º con Xiana Lastra
Autores: Xiana e Xosé Lastra
O pasado día 16 de novembro asistimos no Jofre, e invitados polo Concello de Ferrol, ao concerto "O meu primeiro Celso Emilio". Unha magnífica presentación do libro-disco ilustrado por María Manuela e editado por Xerais, onde se combinou a música e os seus poemas con pequenas curtas audiovisuais que percorreron os momentos máis importantes da vida do poeta.
O proxecto reúne a un importante elenco de artistas; algunhas das voces cunha sólida traxectoria, coma María Manuela, Mini e Mero, a quen ver aparecer no escenario produce unha lene hipnose ; e Xiana, que nos cativou con ese "Agardarei". Mmmm... Felicitacións a todos eles; e aos músicos, moitos, amigos: Xurxo Varela, Pablo, Manolo, Paco Barreiro (Dangarandán. 16 pezas tradicionais galegas arranxadas para guitarra)... Foi todo un agasallo para os nosos oídos e para a nosa alma.
O libro sairá nas recomendacións de Nadal da nosa Biblioteca porque lelo e escoitalo é todo un pracer. 
No centenario do nacemento de Celso Emilio: 
"O meu primeiro Celso Emilio"
¿Queredes ver o booktrailer?

"O meu primeiro Celso Emilio" from Seispés Producións Creativas on Vimeo.
O vindeiro 12 de decembro a media mañá, é dicir o 12 do 12 do 12 ás 12 h. o alumnado do 3º ciclo participará na actividade promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística: RecitandoCelsoemiliO. E este "O meu primeiro Celso Emilio" serviunos para facer unha selección dos poemas a recitar:
POEMA EN SILENZO: 
-Dorna feituca do berce
a navigar polo ceo...
-Chsss
                         Silenzo,
que vai espertar o neno.

CANCIÓN:
O vello cantaba
unha lembranza.
O mozo cantaba 
unha esperanza.
O neno cantaba
unha louvanza.
Pobo meu: pois que cantas,
érguete i anda.

VIAXE AO PAÍS DOS ANANOS
Teño o corazón senlleiro
e orfo na noite fría.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.
Teño lobos, teño sombras, 
teño a sorte fuxidía.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.
Está mudo o reixiñol
que outrora cantar solía.
Non importa, agardarei
polo albor do novo día.
Que está comigo a esperanza,
fiando, fía que fía...
Ela fía e eu confío
no albor do novo día.

Recitaremos estes tres poemas xunto con "Deitado frente ao mar"

1 comentario:

Ana Martínez dixo...

Menuda saída! Seguro que disfrutáchedes un montón, só hai que ver as vosas cariñas. Unha aperta.