luns, 2 de marzo de 2015

PLÁNTALLE CARA A TRITUS!


O venres 26 as clases de 3º, 4º, 5º e 6º tivemos unha charla na aula de audiovisuais do noso cole. O título, xa o vedes: Coidar a túa cidade non che custa nada... Non facelo, cústache moito. Plántalle cara a Tritus!
Sabela, que foi a encargada de explicarnos esta campaña que está levando a cabo o concello de Ferrol foi repasando con nós todas as accións que repercuten na limpeza da cidade. Escoller as papeleiras axeitadas para cada tipo de restos que tiremos, a problemática específica das gomas de mascar... ¿recordades canto tempo dixo que tardaba un chicle en se desintegrare? 5 ANOS! E ¿en limpalos do chan das rúas? 1 DÍA! Ademais, as bacterias permanecen no chicle, calquera neno pequeno podería tentar collelo e levalo á boca... PUAGGGGG!
Falounos das cabichas na praia, dos excrementos dos animais. Entre todos e todas podemos facer moito pola nosa cidade para mantela limpa, non si?
No cole sempre recordamos a importancia da reciclaxe e da conservación das cousas porque o mobiliario é de todos, ao igual cás paredes e o chan que pisamos, os xardíns dos que gozamos... É cousa de todos e todas; e non dun día!
Recordar todas estas cousas, das que falamos tantas e tantas veces, non nos vén nada mal. Agora queda cumprir todo isto que xa sabemos e explicárllelo aos pequenos que aprenden de nós.

1 comentario:

Ana Martínez dixo...

SEguro que estiveron moi atentos e lles quedou moi clariño como teñen que plantarlle cara a Tritus ji ji Un bico.