Dende esta primeira imaxe -que este ano serviu para a despedida da nosa compañeira na revista- ata as dúas seguintes, pasaron, alomenos, dous aniños. E como o prometido é débeda, hei explicar o seu porqué. Feli, a nosa querida compañeira de Biblioteca, ideou amañar esta vella e eivada cadeira de mestre e convertila nunha colorida cadeira especial para contar contos. Unha cadeira que imprimiría uns inmensos desexos de contar, e ademais, de facelo requetebén. ¡Imaxinádeo! ¡Unha cadeira con poderes especiais!
Levaba pendente de decorar todo este tempo e por fin chegou o momento, que senón, marcha Feli do cole, e a nosa "catropatas" sen acabar! O texto escollido xa o utilizamos noutras ocasións e é que axústase perfectamente ao que queriamos e ademais é ben fermoso, e de Xoán Farias:
Hai anos, moitos, case tantos
coma os que levo ao lombo, un mestre de escola díxome, díxonos:
-Agora e ata que medie setembro,
cando non saibades que facer, escribide un libro.
-De que clase? –pregunteille.
El sorriu:
-De piratas malaios ou de ananos
xigantescos.
E mirando cara a Petunia (hoxe a
piques de ser avoa), dixo:
-De cómo serán os cinco fillos
que queres ter e de que coliflor sairá o mozo que ha de namorarte.
Virouse cara a Carlos (hoxe xa
descansa en paz) e suxeriu:
-A historia dun home que inventa
calquera chintófano, algo que aínda non o hai, pero do que despois ninguén
poderá prescindir.
Puxo o sombreiro, colleu o
bastón, deulle unha estocada ao aire e dixo:
-Tamén podería ser sobre o que se
move ao voso arredor: as persoas, os trasnos, o vento, etc., etc., etc…
Saudou e marchou de vacacións.
Desde o corazón da mazá
Xoán Farias
Cadeira Contacontos da FELI... CIDADE |
¡Felices vacacións! |
Ningún comentario:
Publicar un comentario