luns, 23 de maio de 2016

FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Non podedes imaxinar a que montamos o outro día!!!! Que vaaa; pero se foi tremendo!!
Maxia e poesía todo xunto! Como vos quedades??
Tivemos unha invitada especial, querida por nós e que nos quere; por riba fai maxia!! Maxia e poesía, vaia binomio!! 
Como cada curso, tentamos que a celebración das Letras Galegas sexa unha CELEBRACIÓN!! Pero é que este ano, ademais, adicarllo a Manuel María foi un agasallo por ser un poeta tan querido. A semana pasada fomos preparando a súa biografía e as ilustracións que compoñerán o LIBRO COLECTIVO destas Letras. A exposición, coma sempre, loce de marabilla na entrada do colexio, xunto cos libros dos outros anos e a bibliografía de Manuel María coa que contamos. 
 Ademais disto, preparamos uns poemas para recitar e a cantiga O CARRO, fermosa onde as haxa, non si?
Por último, para o día 20, unha chea de sorpresas nos esperaban na Biblioteca. Xa nada máis entrar atopamos o recanto dereito do escenario que preparáramos de véspera, cheo de libros noviños... E unha carta de Chispa. Sempre, sempre, sempre consegue deixar cousas no cole -fundamentalmente libros, claro- sen que nos enteremos. Desta vez tivo que facelo de noite -e non é a primeira vez que o fai- porque, cando chegamos pola mañá atopamos todo así colocado. Ao principio pensamos se alguén tería feito unha broma e desordenado libros dos andeis..., pero que va!! se eran novos!!!
Conclusión, que comezamos lendo a carta. Sempre nos escribe unhas letras para saudarnos e, ás veces, desculparse por non se poder quedar..., que se anda liada, que se ten moito traballo; esas cousas... Pero os libros; eses si que os deixa!!


 Despois de ler a carta, recollemos todo rapidamente para que quedase tal cal o tiñamos preparado para recibir á Maga Feli!! E despois da conta atrás e das palabras máxicas, apareceu: 10, 9, 8, 7, 6, 5, 4, 3, 2, 1, 0... ABRAPALABRA, ANÍMATE E FALA!!!
E é que esta maga ten un especial cariño polo noso idioma, pola lectura, pola poesía, polo colexio... e necesita do idioma e dos versos para renovar a enerxía que vai consumindo de cada vez que fai uns trucos; de aí que de cada pouco tivésemos que recitar os poemas de Manuel María. Toda unha inspiración!
 Todo fíxose a través dun TLEXORNAL dende os estudos centrais en Outeiro de Rei, onde se atopaban Kelly e Sofía, en conexión directa coa Biblioteca Xoán Farias, aquí, a enviada especial Alejandra serviu de ponte para dar paso ás diferentes actuacións. 
Rematamos o acto cantando unha doce versión de Guadi Galego, O CARRO, e cunha explosión de cofetti. 
Felicidades para todos e todas, pero en especial, o noso agradecemento máis agarimoso para Feli pola súa xenerosidade e o seu ánimo contaxioso! Mil primaveras máis para Galicia!!
O MEU BARCO 
Teño un barco de xoguete 
e nel me quero embarcar. 
Polos mares dos meus soños 
¡quén me verá navegar! 
Navegarei por mil ríos, 
sete mares hei cruzar. 
¡No meu barco de xoguete 
cansarei de viaxar…! 
¡No meu barco de xoguete, 
mariñeiro e capitán…! 
¡Non teño medo ao trebón 
nin me asusta o furacán! 
¡O meu barco de xoguete! 
¡O meu barco moito val: 
verei terras, verei illas, 
verei mares de coral…! 
 ¡Andiven todos os mares! 
¡Xa cansei de navegar 
co meu barco de xoguete 
sen saír do meu fogar! 

GALICIA
Galicia docemente

está ollando o mar:

¡ten vales e montañas

e terras para labrar!


Ten portos, mariñeiros,

cidades e labregos

¡cargados de traballo
cargados de trafegos!


 Galicia é unha nai
velliña  e soñadora:

¡na voz da gaita rise,

na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:

a terra, o mar, o vento…

¡Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:

a xente e mais a fala

¡Si buscas a Galicia
en ti tes que atopala!

 

1 comentario:

Anónimo dixo...

Graciñas tamén a vós por invitarme e permitirme pasar un momento moi agradable no meu colexio de Pazos.Agradecer tamén a vosa colaboración e dicirvos que o facedes moi ben.
Apertas de Feli para todas e todos.