mércores, 28 de novembro de 2018

UN EXPERTO NA CLASE. De novo, ARQUEÓLOGOS POR UN DÍA!

https://photos.app.goo.gl/MXbfFBHv6rzXF4LH7
Onte, os Rebuldeiros recibimos a visita do profesor da UNED, Marcial Tenreiro Bemúdez. O seu traballo como arqueólogo serviunos para ampliar todo o que estamos aprendendo estes días co Proxecto de arqueoloxía.
Fixémoslle moitas preguntas. Queriamos saber porque escolleu esa carreira, e el contestounos que foi un pouco de casualidade xa que de pequeno gustáballe escapar, e buscar e atopar obxectos valiosos...
Preguntámoslle polo valor dos obxectos que se encontran nas excavacións, e el contounos que a verdadeira importancia non está  nos obxectos en si, senón en toda a historia que os envolve. Grazas a eles sabemos a historia das persoas que os utilizaban, o que comían, como vestían, a que adicaban o seu tempo... Por exemplo, unha anécdota: Explicounos que está documentado arqueolóxicamente que hai 5000 anos en Galicia xa se comía caldo de verzas con castañas. E como se sabe iso? Pois porque se atopou un potiño de barro no interior dunha mámoa que o contiña. Seguro que o seu contido caducara, non si? Despois de tanto tempo non poderiamos comelo, haaa, haa! Pero o certo é que, grazas a ese achado, puidemos coñecer parte da alimentación dos nosos antepasados. Interesante, eh?
A Marcial preguntámoslle tamén se el fixo algún descubrimento valioso, e claro que atopou moitas cousas, pero destacou un botón de cobre, oito pulseiras e un ánfora que contiña uns pos rosados cos que as mulleres se maquillaban hai 2000 anos. Maquillaxe!!!! E outro achado importante foi o dun grupo de 150 pedaciños de cerámica nun só día!!!! Incrible! Non credes? Imaxinades se vos ocorrese iso??
Explicounos tamén que para levar a cabo unha excavación hai que pedir os permisos necesarios e documentar todo o que pasa mentres dura o proceso, rematando cunha memoria na que se detallan os achados. E se non se atopa nada? Pois tamén hai que recollelo. 
As pezas que se descobren pasan a un almacén; e de alí, a un museo que se encarga da súa restauración e conservación. E é que os museos no só amosan os achados, senón que teñen un papel fundamental na conservación do patrimonio. Se cadra iso non é tan visible, pero sen ese labor podería desaparacer gran parte da nosa historia.
Así que xa sabedes, o importante é traballar minuciosamente, con paciencia e rigurosidade; e seguindo uns pasos que xa vos empezan a ser familiares.
ISTO PROMETE! CANTAS ARQUEÓLOGAS SAIRÁN DESTA CLASE? ALGÚN ARQUEÓLOGO? 
HABERÁ QUE ESPERAR UN TEMPIÑO, PERO NON MOITO; NON VAIADES PENSAR!! 
Marcial, grazas pola túa interesante visita;
non sempre nos entra un arqueólogo de verdade pola porta ; )

Ningún comentario: