lunes, 3 de diciembre de 2018

ÓSCAR PICOS COS REBULDEIROS - Novo encontro coa ARQUEOLOXÍA

https://photos.app.goo.gl/tHWQoiW2i4MHCLQTA


O venres 30 de novembro foi un día moi intenso para os Rebuldeiros. A de cousas que aprenderon!! Ampliaron os seus coñecementos sobre o proxecto de arqueoloxía no que están inmersos, e todo grazas a Óscar Picos, que estivo toda a xornada do venres cos Rebuldeiros. Queredes saber exactamente que aprenderon? Pois continuade lendo, merece a pena ;)
Comezou a mañá, e Óscar explicoulles de onde procede o ouro e a diferenza deste mineral coa pirita. Este último é tamén un mineral que se asemella ao ouro. Hoxe en día coñécese co nome de  “o ouro dos tontos”. Tamén nos falou da calcopirita, outro mineral co que se pode confundir o ouro.
Se queredes afondar máis sobre a orixe do ouro, aquí vos deixamos o enlace a un artigo (preme na cabeceira), e un vídeo que vos poden interesar:

https://www.abc.es/ciencia/abci-descubren-origen-todo-y-plata-tierra-201605241016_noticia.html

Posteriormente, Óscar mostroulles distintos fósiles dalgunhas eras xeolóxicas. Dentro da Era Paleozoica, puideron ver e tocar fósiles do período Cámbrico, Devónico ou Carbonífero: fósiles de trilobites, belemnites ou amonite, fósiles de felgos... entre outros. Dentro da Era Mesozoica, viron fósiles do período Xurásico e Cretácico.
Tamén puideron ver e observar a través dun microscopio binocular formigas e escaravellos prehistóricos e térmites fosilizados. Estaban en ámbar, que é unha resina fosilizada.
Logo dos fósiles Óscar explicoulles aos Rebuldeiros a evolución das ferramentas. Comezaron na Idade de Pedra, que é o período da prehistoria que abrangue dende que os seres humanos comezaron a elaborar ferramentas de pedra ata o descubrimento e uso dos metais. A continuación mergulláronse na Idade dos Metais, onde Óscar ensinoulles algunhas ferramentas ou utensilios da época romana: sondas médicas, agullas, tesoiras, anzois, decoración de roupa (como fíbulas e botóns)... ata moedas!! (Todo de bronce). Aparte de ferramentas, puideron ver cerámicas da época castrense.
E por se fose pouco, por último os Rebuldeiros foron... "BATEADORES" DE OURO!!
"Batear" é empregar un recipiente plano, en forma de prato fondo, para lavar as areas separando a grava e area e quedándonos cos materiais máis pesados, como é o caso do ouro.
Óscar facilitoulles moito a tarefa e xa tiña para cada Rebuldeiro a súa bolsiña de grava con ouro. Eles tiveron que baleirar cada bolsa na batea, somerxer a batea na auga para, a continuación, eliminar coa man aquelas rochas de maior tamaño. Ao somerxer a batea lógrase que os materiais máis pesados (coma o ouro) descendan ata o fondo da mesma.
O seguinte paso foi coller a batea con ambas mans e realizar un movemento. Pode ser circular ou dun lado cara o outro... A finalidade é que con este movemento os materiais máis pesados se queden no fondo da batea e o resto de materiais, que son máis lixeiros, estén en suspensión e poder baleiralos da batea. Para iso temos que inclinar lixeiramente a batea e deixalos saír por riba do seu bordo. Este é un proceso que hai que repetir ata que no fondo da batea quede unha area negra, que é un conxunto de óxidos metálicos. Nesta fase xa é posible ver entre a area negra, o ouro.
Os Rebuldeiros déronse conta de que non é tan doado isto de batear. Para outra próxima vez esperamos poder ter a oportunidade de practicar o bateo nun recuncho tranquilo dun río, sería fantástico! Pero mentres tanto... conformarémonos co realizado no cole!
Agradecer, de novo, a Óscar por todo o esforzo de traer o material ao cole, pola paciencia que tivo cos nosos Rebuldeiros, e poder deixarlles manipular tan valiosísimos fósiles, ferramentas e minerais. Por último, mencionar ao grupo ao que pertence Óscar chamado Gold Diggers, polo seu marabilloso traballo!

No hay comentarios: