Despois do recreo apareceu unha cortiza nova colocada no corredor da Biblioteca cuns coloridos carteis que invitaban a pararse a ler...
Que se nos gustan os LEGO? Claro que si! Pero, isto do reto de que vai? Unha cousa estaba clara: se é un reto e é con LEGO's, de seguro que imos pasar un rato do máis divertido poñendo as cabezas en acción.
O dito: na cortiza había moitos máis carteis nos que explicaban as normas destes retos, e a verdade é que tiñan moi boa pinta todo este asunto do reto.
Apuntámonos nunhas listaxes para subir á biblioteca por quendas: 12 nenos/as máximo para os retos LEGO e 6 neno/as máximo para os retos DUPLO. E así, con certa incerteza, chegamos á primeira semana de Retos STEAM na biblio.
E alí estaban: un montón de tarxetas con diferentes propostas para crear usando pezas LEGO. Unhas máis abertas e outras máis concretas, pero nas que tiñamos que poñer a cabeza en funcionamento se queríamos resolver.
Unha das propostas estrela foi a de crear unha torre tan alta como a túa perna que se sostivera ela soa, e claro... chegaba unha altura nas que as cousas se poñían difíciles, polo que había que artellar solucións (unhas máis acertadas que outras, claro!).
E o ben que nos sentimos cando superamos os retos? Non hai nada mellor que a satisfacción do traballo ben feito.
E ao rematar? Un diploma de participación e unha goma de borrar con forma de peza LEGO, para lembrarnos que os erros tamén son unha forma moi boa de aprender.
Tes acceso a todas as fotos, premendo en calquera imaxe desta entrada.
1 comentario:
Isto dos retos foi unha súper actividade!! Mola! Xa estamos desexando que chegue o vindeiro mes. Exitazo total!
Publicar un comentario