Que fermosa casualidade que este ano coincidiran os 100 días de cole co Día de Rosalía. Por iso, non puidemos deixar de festexalo como se merece. E aínda que desta volta foi un pouco diferente porque o agrupamento do alumnado non podía ser heteroxéneo, como das outras veces, non podíamos deixar pasar a ocasión para poñer todo o cole en acción cun gran xogo inspirado en Rosalía de Castro.
Esta intensa xornada comezou a través duns códigos QR que nos levarían a unha gamificación deseñada en Genially que leva por título "Na procura dunha estrela" adaptada ao nivel dos participantes. Se sodes curiosos e curiosas, podedes acceder a elas escaneando con calquera dispositivo móbil os códigos a continuación, pero xa vos adiantamos que non resultan moi significativas se non estás no cole, pois fan referencia a ubicacións físicas dentro da nosa escola: diversas aulas, diferentes zonas no patio e da zona verde, diferentes seccións da biblioteca... nas que había que resolver as probas que alí se plantexaban para conseguir así os códigos dos cadeados que abrían o premio final.
Así pois, seguindo un mapa estelar todos os grupos foron pasando por diversas localizacións dentro da escola, sen coincidir en ningún momento cos outros grupos. Menudo quebracabezas compoñer todo isto!!! Pero a verdade é que saiu todo ben, pero que moi ben.
Na Biblioteca tiveron que atopar os libros que lles darían as pistas para solucionar os enigmas e avanzar no xogo. En primeiro lugar, saber en que sección se atopan segundo a etiqueta, e unha vez atopados, saber buscar a información para poder respostar ás preguntas que se nos plantexaban. Hai que dicir que todos os grupos o fixeron estupendamente e que se manexan na biblio como peixes na auga.
Nas diferentes zonas de patio e no ximnasio realizaron uns xogos cooperativos sen contacto. Foi moi divertido e creouse un ambiente moi agradable que convidaba a seguir xogando máis e máis.
Nas aulas viron uns vídeos sobre Rosalía de Castro e grazas a eles puideron respostar á pregunta que lles daría os últimos números dos cadeados que abriría o cofre do tesouro.
Pero isto non foi todo... Unha vez que conseguiron a combinación dos cadeados, tiveron que googlear as coordenadas que se lles indicaban a cada grupo para saber onde estaba agochado o seu tesouro, orientarse no mapa, recoñecer o espazo e dirixirse cara el.
Cada grupo ao seu ritmo, foi atopando os tesouros agochados ao longo da mañá, colocando as combinacións nos cadeados e accedendo ao fin á recompensa. Queredes ver que había dentro?
E ademáis unha chea de poemas cos que puidemos deleitarnos. Cómo nos gusta Rosalía!!!
E por supostísimo que queredes ver máis fotos. Pois premede na imaxe a continuación e accederedes ao álbum completo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario