venres, 12 de febreiro de 2021

Celebramos o Entroido: superheroes e superheroínas contra o coronavirus 👾💥

E hoxe venres tocou celebrar o Entroido. E aínda que non foi coma outros anos, nos que saíamos en pasarrúas polo arredor do colexio e tomábamos unha rica merendiña típica destas datas acompañados das nosas familias, este ano tamén pasámolo moi ben. 

Xa tíñamos ganas de "xuntarnos" e compartir alegrías. En todo momento respectáronse os grupos-burbulla, pero puidemos facer algo todos e todas xuntos á vez. E non podía ser mellor cousa que celebrar o Entroido como se merece.

Ao longo da semana fomos creando os nosos disfraces de superheroínas e superheroes contra este malvado vilán personificado no Meco, e que non podía ser outro que o coronavirus. Que se un día o cinto; que se ao seguinte algo na cabeza; outro día o logo cos superpoderes; e, por suposto, non podía faltar o complemento estrela: A CAPA!

E así chegamos ao venres dispostos a entroidar. Na primeira parte da mañá, cada grupo tivo sesións de xogos axeitadas á súa idade en diferentes localizacións: biblioteca, salón de actos, aulas... Foi moi divertido ver tanto superheroe e superheroína en acción pola escola. 


E para mostra, un botón. Aquí tedes aos máis peques na Biblioteca: contos, lego, ordenadores, pezas de construcción e robots para estes pequenos con superpoderes!

Tra-la parva habitual, na que gozamos de froita e leite dentro do programa de merendas saudables na escola - este ano non houbo nin freixós, nin orellas, nin torradas 😢😢😢 - saímos a brincar ao patio, delimitado por zonas. Tivemos sesión "discoteca" e bailamos ata caer de cu ao ritmo da música coas nosas profes. Pasámolo xenial! 

E despois, como o tempo nos deu unha tregua, aproveitamos para queimar ao Me-coronavirus, que rendeuse ante tantos superpoderes facendo unha reverencia, non sen antes dar lectura ao seu testamento.


E as fotos??? Pois como sempre, premendo na imaxe a continuación.


Que viva o Entroido!!!

Ningún comentario: