venres, 5 de febreiro de 2021

Chega o entroido e o Meco cos seus mandados

Estamos en tempos de ENTROIDO e xa anda polo cole o noso Meco que nos ven troulear antes de o botar á fogueira. Mais este ano, ven disfrazado de coronavirus e parece que está disposto a facernos rabear.


Menos mal que empregaremos os nosos superpoderes e ao longo da semana convertirémonos en superheroínas e superheroes contra este coronavirus entroideiro do que daremos boa conta o vindeiro venres. 


E aínda que non poidamos compartir coas familias ese día por mor do protocolo COVID, dalgún xeito estaredes presentes, pois grazas a vós encheremos a escola de maxia entroideira en forma de xeitosos disfraces de superheroes e superheroínas para combater este vilán que anda facendo das súas polo mundo.


Lisca de aquí, coronavirus!!! 


Xa sabedes que se trata de facerse un disfraz seguindo os mandados do Meco tentando non mercar nada. Deixade voar a imaxinación e como bos choqueiros e choqueiras apañade os vosos disfraces con cousas que atopedes por casa. Pasaredes un tempiño a mar de entretidos argallando o voso equipamento para vencer a este malvado virus.


Queredes ver como fixeron a cabeza do Meco os peques do cole? Están feitos uns grandes artistas, sen dúbida! 


E aquí tedes o primeiro mandado. Comezamos o LUNS lucindo "cinturóns molóns". Así que xa sabedes... 


Mans á obra! A este coronavirus hai que gañarlle a batalla!

E por se algún de vós quere saber máis sobre o entroido tradiconal, recomendámosvos que consultedes esta guía do entroido en Galicia.

E para os que pensen que xa o saben todo, convidámosvos a xogar neste pasapalabra publicado en Aulas Galegas para poñervos a proba.


Ningún comentario: