martes, 2 de febreiro de 2021

Día da Candeloria: o día no que os paxariños casan 💗

O 2 de febreiro celébrase o Día da Candeloria, ou Festa da Luz. É unha das festas do ciclo da invernía, que ten lugar xusto na metade do inverno e que prepara a inminente chegada da primavera e, con ela, o renacer da natureza. 

Como sucedeu en moitas ocasións, esta festa pagana foi cristianizada e convertiuse na Candeloria , traducíndose no costume de acender candeas. 

Este día sinala o retorno das aves migratorias e os cortexos que preludian o renacer primavera. “É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica”, segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega. 

Mesmo deféndese que o día 2 de febreiro debería ser a data do amor romántico na nosa cultura, e non a que se celebra doce días máis tarde na honra dun crego romano do século III, chamado Valentín, representado cun rapazolo gordecho e voador que anda aseteando a xente… onde vai parar! Non hai comparación!  

O noso refraneiro popular tamén lembra que: 

“a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. 

A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos próxima da primavera: 

“Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra;

 cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”.

En Galiza é unha tradición que aínda segue viva na memoria sobre todo do rural, pero que se non se actualiza corre o perigo de desaparecer ao igual que outras moitos costumes e lendas. 



Por este motivo, desde a Biblioteca do noso cole queremos facer un esforzo para recuperar esta fermosísima data coa grabación dun poemario audiovisual no que se recolla a escolma inspirada nas anotacións de Salvador Lueiro, ornitólogo, ilustrador e divulgador científico recuperada por Nacho Munilla e Pancho Lapeña na "Guía definitiva das aves da Galiza".
Comezamos!!!

Ningún comentario: