martes, 22 de xuño de 2021

Chegamos ao final de curso! Máis un ano toca despedirmos.

Hai 10 meses comezabamos este curso 2020/2021 con moitos medos e inquedanzas, cos arelos postos na vacinación e confiando nuns protocolos que nos manterían nun entorno seguro dentro do cole: desinfección de espazos, lavado de mans, distanciamento social, materiais de uso individual, reducción da cabida dos espazos comúns e un sinfín de normas que fixeron posible que chegáramos ata o final.

Pasou de todo neste curso, confinamentos incluídos... pero de todo o vivido podemos sacar unha ensinanza: que xuntos somos máis fortes e que apoiándonos uns nos outros, case, case, somos invencibles!

Así que hoxe tiñamos moito que celebrar. E fixémolo cun montón de xogos. Como sempre, sen romper os grupos de convivencia estable, pasamos por catro estacións:

No ximnasio os peques tiveron xogos de movemento e os de Primaria tiveron a sorte de contar cun profe moi especial: Adrián, do clube de Tenis de Mesa Narón que lles ensinou moitas destrezas básicas para darlle ás pas e perfeccionar a técnica.



Despois, na pista polideportiva, tivemos unha sesión de xogos predeportivos coa profe Araceli. Os peques xogaron aos robots e ao pato-pato-oca, e os maiores decantáronse polo brilé e outros xogos.


Na Biblioteca estaba Tamara cun obradoiro de chapas, no que deixamos voar a creatividade elaborando deseños do máis orixinal.



E no Salón de Actos, coa profe Erea, tivemos sesión de "Just-Dance" para os peques e rebuldeir@s e "karaoke" para  tritóns e maiores.


Que ben o pasamos!!!

Entre medias, a nosa ANPA molona preparounos unha merenda supersaudable para repoñer enerxías a media mañá: bocatas de xamón, lombo e queixo e froita, moita froita: sandía, uvas, cereixas.... Hummmm, que saboroso!



Grazas a todos os membros da ANPA por facelo posible e a Rebeca, Laura, Noelia, Alba (e Olivia), Andrea e Sara (e Maia) por todo o currazo. 


Pero pasaron mooooitas máis cousas! Fixemos entrega dos premios da VII Edición de MatesPazos. Unhas mochilas como premio á participación (que xa son un clásico!) e un premio especial para @s gañador@s: un xogo co que por en funcionamento as habilidades matemáticas ou de razoamento que xa demostraron. 
Bravo por elas e por el!!!; Case, case todas nenas, eh? Veñen pisando forte!





E tamén houbo entrega dos premios dos retos TIK TOK coa profe Kelly das aulas de música deste último trimestre: Un minitrofeo con forma de corchea, como o propio logo tiktokeiro, saído da nosa impresora 3D e un chifre de caramelo para os mellores de cada grupo!!!



E máis cousas... 
Reparto das fotos do recordo escolar que este ano correu a cargo de Mirada de Madrina, as nosas fotógrafas preferidas, para que negalo 😍



Estrea das pizarras do patio que pintou para nós Blanca Vila...


Últimas fotos de grupo...





E un sopro de maxia da man de Chispa: Chis, chis, plof, plof!


E despedidas, sinaturas de recordo dos compañeiros, sorrisos enmascarados, bágoas, confidencias de último momento, e sobre todo bos desexos para os que comezan unha nova etapa.

Desexámoslles moi boa sorte no seu camiño aos maiores que marchan ao instituto e que deixan unha pegada inesquecible en todas nós e nos seus compañeiros.
Ezequiel, Marta, Icía, Diego, Jandro, Igor, Samara e Irene:
Sabedes que o cole de Pazos é a vosa segunda casa e a Biblioteca Xoán Farias sempre terá a porta aberta para o que queirades.


Desexámosvos o mellor!

E para remataaaaarrrrrr... Só nos queda agradecer a quen estivo ao apoiando en todo momento a labor docente: familias e persoal non docente. Para vós o noso máis sinceiro agradecemento, porque sen a vosa disposición todo tería sido mooooooito máis complicado.
Grazas Xaime, Dolo, Aurora, Noemí, 
Gelis e Tamara, Patricia e Manoli.

Se queres ver máis fotos deste día, preme na Chispa enmascarada.


E ata aquí chegou o curso 2020/2021. Un ano intenso e inesquecible, no que fomos quen de reinventarnos e construir unha escola para todos e todas.

Gozade do verán, que o tedes merecido, do sol, da praia, da familia e dos amigos.
Cargade as baterías ao máximo para reencontrarnos en setembro cheos de enerxía.
E lede, lede moitísimo!!!

Aínda que xa sabes, que se non les non pasa nada;
pero se les, pasan moitas cousas.


Felices vacacións e ata o curso que vén!!!

Ningún comentario: