martes, 16 de novembro de 2021

Obradoiros de ilustración con Anxo Fariña: Diversimonstros e A cidade violeta.

Hoxe estivo con nós Anxo Fariña, escritor, ilustrador, deseñador e profesor de Belas Artes,  para realizar uns obradoiros de ilustración que aproveitamos para avanzar na nosa Misión do ODS 10: Redución das desigualdades.

Tivemos dúas sesións, con temáticas diferentes.

A primeira, para os peques e @s rebuldeir@s do cole, DIVERSIMONSTROS, no que aprendimos a pintar, debuxar e crear un xogo monstruoso, pero sobre todo aprendimos que non todos somos iguais e que as diferenzas son as que fan máis marabillosa a humanidade e o noso mundo.


Creamos criaturas divertidas e sorprendentes que se poden ver na escuridade. Un canto á diversidade e á diferenza como fortaleza.


E despois, foi a quenda dos maiores, coa CIDADE VIOLETA; un obradoiro de ilustración e creatividade no que se pon o foco na igualdade e na loita contra a violencia de xénero. 
Construiron unha cidade-escultura que se pode ler e empregaron pintura especial que reacciona á luz ultravioleta, cun sorprendente e emocionante final.

Foi unha mañá diferente, chea de creatividade e bo humor na que seguimos avanzando na nosa misión dos ODS para facer un mundo mellor, facéndonos conscientes da importancia da redución das desigualdades entre as persoas.

Pero antes de marchar, Anxo Fariña deixounos uns agasallos fermosísimos en forma de ilustracións:

Un "Enzo" e unha "Aroa" para a posteridade...


e unha fermosísima sinatura no noso libro de visitas.

Por un mundo cheo de cidades violetas habitados por diversimonstros...

Axenda 2030: 
"esPazODS para a concienciACCIÓN"


Ningún comentario: