Os pasados días 18 e 19 abril tivo lugar o PIE OBSERVA-ACCIÓN, na Fase Interautonómica do curso 2022-23, coa visita de cinco mestres do CEIP Príncipe de España (Miranda de Ebro) ao noso colexio.
Nestas dúas xornadas de observación directa entre os dous centros xurdiu unha moi boa sintonía entre os docentes, ademais de moitas ideas e reflexións compartidas.
Recibímolos na nosa biblioteca, onde explicámoslles os proxectos de innovación educativa dos que formamos parte, facendo un breve percorrido pola nosa historia.
Ao longo destas dúas xornadas puideron compartir con nós o noso día a día. O martes 18, ademais da recepción acompañáronnos nas seguintes actividades:
- Na horta, explicación do sistema de cultivos complementarios por zonas, segundo os principios da permacultura.
- No croma, a gravación de escenas de “Historia dunha reconversión” para a obra de teatro que se representará no Teatro Jofre de Ferrol.
- Na radio, creación dun programa de radio no que se simula unha entrevista a Francisco Fernández del Riego, persoeiro homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.
- En educación infantil, ambientes con agrupamento heteroxéneo.
- Minimundos: creación de mandalas con pezas soltas.
- Vida práctica: lavar a man e tender a roupa.
- Arte: traballo de texturas, misturas, composición libre. Arte efímero mediante prensión.
Pola tarde realizaron unha visita cultural pola cidade acompañados polo profesorado do noso centro que forma parte deste intercambio.
E ao día seguinte, o mércores 19, puideron observar estas outras dinámicas, que para nós son habituais:
- Na biblioteca, contacontos na "Hora de ler" dentro do proxecto de voluntariado de lectura do alumnado de 5º e 6º de Primaria.
- Na aula Ángeles Alvariño, visita virtual al Centro Galego de Arte Contemporáneo.
- No Mercado de Chispa, análise do nivel de procesamento de produtos alimentarios a través da aplicación YUKA por parte do alumnado de 6º de Educación Infantil.
- Na aula dos Rebuldeir@s, estacións de aprendizaxe vinculadas co PDI: uso de Scratch e placa makey-makey, circuítos eléctricos, papiroflexia e propulsión de vehículos.
Foi un pracer compartir con vós estes dous intensos días. A vindeira semana, catro dos nosos mestres devolveranlles a visita no CEIP Príncipe de España en Miranda del Ebro.
Xa estamos desexando que volten para compartir impresións con eles!
Ningún comentario:
Publicar un comentario