luns, 24 de outubro de 2011

CELEBRANDO O DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Tivemos unha mañá moi movida, todo hai que dicilo. As meigas pretenderon colarse polo cableado dos ordenadores e polas ondas do Wi Fi, e case logran vencer, pero as historias son historias alí onde vaian, e sexa como sexa, sempre acaban gañando. E as historias saíron adiante. Vaia que se saíron.
Veredes: a primeira hora o terceiro ciclo subíu á Biblio, como era de esperar en día tan sinalado. E tan cómodos como quixemos tivemos unha primeira sesión de contacontos: "O monstro dos Ancares", de Toño Núñez, conto ilustrado por Xosé Tomás. Logo de loitar co monstro das sete cabezas, cun ollo cada unha, conseguimos derribalo e aló quedou na lagoa bandullo arriba mentres Dominga abría os seus brazos a un humilde pastor capaz da máis temible fazaña. O que non conseguiron moitos, conseguíuno el por amor. Pasamos logo a facer a ilustración do feroz monstro e cando nos demos conta xa era hora de rotar contos...

Tiñamos todo moi requetebén preparado, pero unha vez máis as impresoras uníronse ás meigas e case nos dan o segundo susto da mañá... Fixemos un obradoiro de contos. Para iso dividímonos en dous grandes grupos: algúns nenos de cuarto xunto con quinto por un lado; e polo outro, os nenos e nenas de sexto. consistía no seguinte: Cada neno tiña unha folla en branco na que debía empezar un conto. Despois dun tempo que marcabamos as profes, ese conto rotaba á súa dereita, e o compañeiro ou compañeira que o recibía debía ler o que estaba escrito e continualo. Así sucesivamente ata que os contos chegaban novamente a que os iniciara. Daquela, cadaquén debería darlle remate, poñerlle título e ilustralo.
Puffff!! Cantas ideas todas mesturadas, son os contos do revés... ¿Andará Rodari por aí xunto con Chispa argallando algunha xogada das súas?
Para ler estes contos teredes que esperar unha miaxiña, porque claro, as cousas hai que facelas ben, logo agora toca traballar con eles nas clases e retocar a ortografía e algunha que outra expresión, pero sempre sendo fieis ao que hoxe se escribíu. A iso nin tocarlle!! Queredes ver as fotos? Mirade que caras de concentrados!! Anda que cando os leades...


E por último, tocoulle o turno aos máis pequechos. Para eles preparamos un audiovisual do conto de Pep Bruno: "A casa da miña avoa", ilustrado por Matteo Gubellini. Tivemos a colaboración do público que se encargou de poñerlle voz a Francis, ao fantasma, ao vampiro, ao esqueleto; e incluso ao gato... menos mal porque sen a súa axuda tería sido máis complicado contalo. E tiñan que poñer voz de monstro e souberon facelo e todo!
"-TIIIIIIIIIIIIIIII
-¿Quen eu?
-Si, tiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiiii.
-Eu non!"
Ademais contamos con vocabulario vivo: a casa, a torta, o bosque, e máis o gato. A verdade é que todos eles o fixeron moi ben.

1 comentario:

Ana Martínez dixo...

Que ben o pasáchedes! Nótase que disfrutáchedes un montón. Biquiños.