mércores, 2 de febreiro de 2022

Día da Candeloria

O Día da Candeloria ten orixe nos cultos pagáns da fertilidade e dos ciclos da natureza, que como o Samaín ou o solsticio de verán (San Xoán) acabou por ser cristianizado. Neste caso tratábase dun ritual do lume na honra da fertilidade, no que se realizaba unha procesión con candeas acendidas de noite.

Os distintos refraneiros populares de Galiza recollen refráns sobre a Candeloria e o seu día, referidos ás aves:
  • A partir da Candeloria ningunha ave voa soa.
  • Pola Candeloria cásanse os paxariños e vaise a galiñola.
  • Pola Candeloria pon a pita vella e a nova.
  • Polo santo Antón toda galiña pon. E pola Candelaria, pon a pita boa e a mala.
E tamén nos falan sobre os ciclos da natureza e como o clima serve para precedir o devagar das estacións:
    • Cando a Candeloria chora a mitá do inverno está fóra.
    • Pola Candeloria, metade do inverno fóra; e se chove ou venta, o inverno índa entra.
    • Que a Candelaria chore ou que deixe de chorar, a metade do inverno está pasado e a outra por pasar.
    • Se a Candelaria chora, o inverno xa vai fóra. Se a Candelaria rí, o inverno está por vir; pero que ría e que cante hai inverno para tras e para diante.

Nós fixemos unhas chapas con esta imaxe de Pancho Lapeña do libro Guía definitiva das aves da Galiza  co que traballamos o ano pasado. E aquí podedes ver aos pequenos en acción.  Menos mal que a máquina das chapas viña con instruccións, porque se noooon...



Pero ademais, fixemos uns comedeiros para os paxaros que aniñan no noso patio que son moitos. Así estarán un pouco menos atarefados buscando que comer e poderán dedicarlle máis tempo a fabricar os seus niños para os novos paxariños que nacerán esta primavera.


#espazODSparaaconcienciACCIÓN

Ningún comentario: