Baixo o lema deste ano #chamémolopoloseunome, preténdese desterrar falsos mitos e ideas erradas sobre o autismo e dar a coñecer a especificidade e a valía das persoas con TEA, impulsando deste modo o compromiso de toda a cidadanía nesta tarefa. Podedes ler aquí o MANIFESTO da Confederación de Autismo España.
Comezamos a semana visitando a exposición sobre o autismo que prepararon desde o Departamento de Orientación, facendo unha lectura reflexiva sobre a información dos carteis da exposición, apoiada a través de pictogramas para facelos máis accesibles.
Tamén realizamos uns obradoiros de sensibilización sobre o autismo de 3º a 6º de Primaria, grazas á visita de dúas profesionais de ASPANAES, Adriana (logopeda) e Inés (psicóloga), na que puideron reflexionar sobre o que xa coñecen ou quererían saber sobre o autismo.
Para tentar entender máis aos nenos e nenas con TEA, realizamos varias actividades como unha dinámica relacionada con distintas formas de comunicarse a través da expresión escrita ou o visionado dunha curtometraxe moi interesante que nos ensinou a entender un pouco máis como perciben o mundo as persoas con TEA e como con vontade e paciencia podemos entendernos e comunicarnos.
Para os máis peques do cole traballamos sobre o conto "Por cuatro esquinitas de nada", un conto de Jêrome Ruillier publicado pola editorial Juventud. Bibi contóunolo de marabilla, xa que ao tempo que o contaba, ía introducindo aos "redondiños" na casa grande e démonos conta de como puido conseguiu entrar "cadradiño" na casa grande.
O grupo dos Rebuldeir@s traballaron co conto "TEA", de Alejandra González, editado por Pintacola Ediciones, que ofrece unha experiencia inmersiva que nos fará empatizar coas persoas que teñen TEA. Grazas ás gafas vermellas e azuis, poden vivenciar unha dobre experiencia sobre o mesmo relato, coñecer as principais alteracións que presentan as persoas con autismo e obterán as claves que facilitan a presencia, participación e aprendizaxe destes nenos e nenas nas aulas, no recreo, no parque... xa que todos eles poden facer o mesmo que os seus compañeiros se contan cos apoios e axustes do seu entorno precisos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario