Empezamos forte o trimestre, xa que hoxe tivemos a grandísima sorte de contar con Paola Guimeráns, que veu ata a nosa biblio para facer varios obradoiros STEAM co alumnado de 3º a 6º de Primaria.
Se premes nesta imaxe, podes acceder ao álbum con todas as fotos destas sesións STEAM.
Comezou o grupo de 4º de Primaria ao que se uniron os de 5º e 6º cun obradoiro de e-téxtiles, no que tiveron unha primeira aproximación á roupa intelixente e no que crearon o seu propio brazalete luminoso. Imaxinádevos a de posibilidades que pode ter isto na nosa vida diaria? Unha camiseta coa que facernos visibles na estrada cando circulamos en bici, con xeolocalizadores, con indicadores de manobras... e unha chea de usos máis!
Como podedes ver, este grupiño xa está preparado para incorporar elementos tecnolóxicos á súa roupa. Non hai led que se nos resista!
Despois, foi a quenda dos de 3º de Primaria, aos que tamén se lles sumaron os Rebuldeir@s de 2º, os que a través dun obradoiro de scratch puideron elaborar unha historieta a modo de vídeoxogo, ademais de empregar ferramentas de intelixencia artificial, como o recoñecemento facial. Foi xenial!
E rematamos a mañá co grupo dos maiores de novo, de 4º a 6º de primaria, cun obradoiro para coñecer o funcionamento e as posibilidades da placa Microbit, que grazas á dotación de Polos Creativos temos agora na nosa biblioteca.
Así que tocou facer de novo algo de scratch e conseguimos enviar mensaxes de texto, emoticonos, facer o noso pequeno "tamagochi" e un sen fin de cousas máis.
Ningún comentario:
Publicar un comentario