
venres, 30 de novembro de 2007
CARTA A CHISPA

Publicado por Chispa
martes, 27 de novembro de 2007
"A CASTAÑA QUE REBENTOU DE RISA"

Publicado por Chispa
domingo, 25 de novembro de 2007
25 de novembro: CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
25 de novembro. Acabou a conta atrás. Hoxe os BLOGS das BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA temos moito que dicir:
Neste día no que se celebra o Día Internacional da Non violencia contra as mulleres, queremos reflexionar sobre iso. E un xeito de facelo é a través dos contos, que nos contan historias de cada día, nas que se emprega a violencia contra as mulleres dunha maneira cotiá, moitas veces sen nos decatar.
Gustaríanos non ter que celebrar un día coma este.
Gustaríanos que nenos e nenas se relacionasen sen que a diferenza de sexo marcase nada importante. Gustaríanos que homes e mulleres falasen, falasen e falasen para resolveren os seus desencontros, como lles obrigamos a facer na escola aos nenos e ás nenas.
Gustaríanos que cada quen soubese onde rematan os seus dereitos e onde comezan os da persoa que ten á súa beira.
Gustaríanos que ninguén usase a súa forza nin física, nin laboral, nin económica… contra as mulleres para conseguir os seus propósitos.
Gustaríanos que no vindeiro 25 de novembro homes e mulleres atopasen o entendemento e non ter que chorar máis vítimas.
Gustaríanos que os contos se fixesen realidade .
* Agradecemos ao blog da Biblioteca do CEIP Quintela - Moaña a súa colaboración para publicar esta entrada.
* Os nosos alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria tamén participan . Traballaron e fixeron redacións sobre este tema e algunhas podedelas atopar no Club de creación.
AS BIBLIOTECAS ESCOLARES,
OS CENTROS DE ENSINO,
@S DOCENTES...
DICIMOS
NON Á VIOLENCIA!!!
Publicado por Chispa
sábado, 24 de novembro de 2007
Un premio para Pablo Medín Carracedo
O 23 de novembro celebrouse no recinto feiral de "Punta Arnela" -FIMO- un FESTIVAL SOLIDARIO, con motivo do "Día dos Dereitos do neno e da nena", promovido polo departamento de Benestar Social no que, entre outras cousas, tivo lugar a entrega do premio á mascota que representará os actos infantís do Concello. O premio, escollido de entre 1400 traballos, foi para Pablo Medín Carracedo (Pablo Díaz Carracedo na noticia da prensa), alumno de 4º curso do noso colexio.
Desde aquí queremos darlle as nosas felicitacións. Pablo: realmente é un debuxo moi imaxinativo e alegrámonos moito do teu premio. NORABOA!!
Publicado por Chispa
venres, 23 de novembro de 2007
O mago Richard
Recordade que hai moitos libros que falan da maxia, na que nos podemos mergullar, atopando un mundo imaxinario e único, especial como en: "O milagre das estrelas" de Darío Xohán Cabana; toda a colección de "Kika Superbruxa", de Knister; ou "Harry Potter" , do que o vindeiro ano, o 21 de febreiro de 2008, sairá a última entrega: "Harry Potter e as Reliquias da Morte". "O zapateiro e os trasnos" ou "Alicia no país das marabillas", "Molly Moon", "O Atrapasoños" ou "Matilda" de Roald Dahl continúan a lista dos libros relacionados con ese mundo fantástico, pero podedes atopar moitos máis. Non perdades a oportunidade de ler estes libros, se aínda non os coñecedes; e non perdades a oportunidade de recomendalos aos vosos amigos e amigas. Que mellor agasallo? ;)
Publicado por Chispa
mércores, 21 de novembro de 2007
DOUS CONTOS DE TERCEIRO
Laura Sanjurjo recolleu unha historia de medo que, contan, sucede perto da súa casa: "No campo da Seara".
E Lucía Huergo escribiu "As bruxas".
As dúas son alumnas de 3º de Primaria e hoxe ensínannos os seus traballos para animar a máis nenos e nenas a escribir e crear contos novos.
Publicado por Chispa
martes, 20 de novembro de 2007
O castelo encantado
Este é o conto que David Medín Veiga de 2º inventou e ilustrou para o noso libro de CONTOS DE MEDO.
Había unha vez uns nenos que xogaban no monte e escapóuselles a pelota. Foron buscala e viron un castelo. Ese castelo estaba encantado, pero como os nenos eran moi valentes, entraron.
Dentro había moitas cousas. De súpeto escoitaron un ruído.
-Bum... Bum... Bum!
Tiñan moito medo.
Cando miraron para un lado viron un VAMPIRO que os quería coller. Estaba a lúa chea. O vampiro seiu detrás deles. Quería chuparlles o sangue.
Os nenos saíron fóra do castelo e empezaron a ver morcegos e máis morcegos. Por sorte viron a pelota. Foron collela e escaparon correndo.
Por suposto que se queredes ver a versión orixinal teredes que pinchar aquí ou ir ao Club de creación.
Publicado por Chispa
luns, 19 de novembro de 2007
Ai, que medo!
Este é o conto que os nenos e nenas de 2º prepararon para nos contar ao resto do colexio. ¿Que vos parece?
Érase unha vez uns nenos de segundo que estaban no colexio: David, Paula, Fábio, Andrea, Ramiro, Elisa, Zeltia e Rocío.
Como era a festa do Samaín, decidiron darlle un susto á mestra. Disfrazáronse de vampiros, bruxas e pantasmas.
Puxeron enriba da mesa da mestra unha cabaza que daba moito medo.
Apagaron as luces e, cando chegou a mestra, levou un susto de medo e caeu de cu.
Ha, ha, ha, ha, ha...!
Se queredes ver a versión orixinal a un bo tamaño podedes pinchar aquí ou ir ao noso Club de creación.
Publicado por Chispa
martes, 13 de novembro de 2007
Teatro no Jofre: "Cigarra y hormiga"
Hoxe, ás 12 da mañá, todos os cursos de Primaria asistimos no teatro Jofre a unha obra: "Cigarra y hormiga" da compañía vasca Markeliñe Teatro, inspirada na fábula "La cigarra y la hormiga" de La Fontaine.
O teatro Jofre encheuse de nenos e nenas de moitos colexios de Ferrol, co que puidemos contemplar dous espectáculos ao tempo: por unha banda, a marabillosa posta en escea por parte dos tres actores, que non pararon nin un momento; e pola outra, centos de nenos e nenas gozando, rindo e aplaudindo cada pouco nun marco inmellorable.
Publicado por Chispa
HOXE, NO PATIO, BAILAMOS AS BUXAINAS
Xa que o venres tivemos tantas actividades fóra do colexio, hoxe tocounos bailar as buxainas no recreo. Esta actividade non acaba aquí, senón que seguiremos animando a máis xente. De momento cada neno e cada nena xa ten a súa buxaina para practicar como se ve nestas fotos. ÁNIMO...
Recordades esta canción do Grupo Ledicia
Unha, dúas, tres,
catro, cinco, seis,
sete, oito, nove e dez.(bis)
Teño unha buxaina,
baila, baila, baila. (Bis)
O mesmo no chan
ou pola man ela non para.(Bis)
Teño unha piola
tola, tola, tola.(Bis)
Tece do dereito
e do revés enfía soa.(Bis)
Coa miña buxaina
e a miña piola.(Bis)
Chámanme os rapaces
a ledicia da escola.(Bis)
Unha, dúas, tres,
catro, cinco, seis,
sete, oito, nove e dez.(Bis)
Publicado por Chispa
luns, 12 de novembro de 2007
OS PEQUES TAMÉN VISITARON A EXPOSICIÓN DE LUIS SEOANE NA FUNDACIÓN CAIXA GALICIA
O venres 9 de novembro os máis pequenos tamén estiveron na Exposición de Luis Seoane, traballaron no obradoiro e visitaron a XXI Esposición Micolóxica de Ferrol. Temos moitas fotos pero é que, cos máis pequenos, é moi difícil deixar algunha fóra. Non credes?
Publicado por Chispa
MÁIS VISITAS O MESMO DÍA
Vistamos a Biblioteca Municipal, si, e aproveitamos a mañá para facer moitas outras actividades. Contactamos cunha guía turística do Concello de Ferrol para que nos recollese na Biblioteca e nos levase polo centro de Ferrol para visitar o Barrio da Magdalena. Así, ás dez e media estabamos todos e todas preparados para facer a nosa ruta pola "Tableta de Chocolate", que así chamaron ao deseño racionalista das rúas centrais de Ferrol. Saímos da Praza de España, paseamos pola rúa Galiano e chegamos á Praza de Armas, onde se atopa o Concello, despois continuamos pola rúa Dolores e chegamos á Praza de Amboage. Visitamos Herrera desde onde puidemos ver o Arsenal Militar. Por último, fomos pola rúa Magdalena ata chegar á Fundación "Caixa Galicia", no Cantón de Molíns, onde nos despedimos da guía e nos esperaba a Exposición de Luis Seoane e un obradoiro sobre a visita.
Pufff! Para rematar a xornada, aproveitamos para ver a XXI Exposición Micolóxica de Ferrol; daba pena estar a escasos metros e non vela, a que si? Canto traballiño nos queda agora no colexio...
Publicado por Chispa
VISITAMOS A BIBLIOTECA MUNICIPAL
O pasado venres, entre outras actividades, fixemos unha visita á Biblioteca Municipal de Ferrol. O guía, que nos ensinou a Biblioteca, empezou o seu percorrido pola planta baixa, onde nos amosou a sección adicada aos lectores máis novos, onde están as publicacións periódicas e a zona de información e préstamo. Explicounos como están organizados os libros e como buscar o que nos interese. Despois levounos ao soto onde está o arquivo e a hemeroteca e logo fomos subindo e escoitando as súas explicacións: Na primeira planta está o préstamo de adultos e o xuvenil; na segunda, a sala de lectura e consulta, e tamén a sala web; por último, chegamos á terceira onde nos entregou un mateial de agasallo pola nosa visita: "A saga de San Ferreol" de Ramón Loureiro, coas preciosas ilustracións de Francisco Pérez Porto. Tamén nos entregou todo o necesario para obter o carné lector e facernos socios. Algúns xa temos todo preparado porque está moi, moi ben: é moi grande, ten moitísimos libros e é super acolledora pero...a Biblioteca Municipal está bastante lonxe de onde vivimos por iso é tan importante para nós a do noso colexio. Estamos desexando vela lista outra vez coas súas portas abertas.
Publicado por Chispa
xoves, 8 de novembro de 2007
9 de novembro: DÍA DO PEÓN
POLO SAN MARTIÑO, PEÓNS NO CAMIÑO.
POLO SANTO AMARO, PEÓNS AO FAIADO.
MANIFESTO
Eu quero ver un milleiro de buxainas a bailar
porque é a tradición do noso pobo e as miñas tradicións
son a miña identidade.
Eu quero ver un milleiro de trompos a bailar
porque así construímos a nosa historia.
Eu quero ver un milleiro de peóns a bailar
para que a nosa lingua "role" nas mans dos nosos cativos.
Eu quero ver un milleiro de pimpionetas a bailar
porque nos unen na diversión.
Eu quero ver un milleiro de panquentes a bailar
porque simbolizan o bulebule da Galiza que camiña sen
vagar cara ao seu futuro.
Eu quero ver un milleiro de bailaretes a trompear
porque si.
Mañá nós estaremos visitando a Biblioteca Municipal e a Fundación "Caixa Galicia" entre outras cousas, así que non leremos na hora do recreo o Manifesto do Día do Peón 2007 que os alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES de Melide redactaron para este ano, pero temos todo preparado para facelo o vindeiro luns. Mentres, aquí queda .
Publicado por Chispa
mércores, 7 de novembro de 2007
"HORA DE LER": HOXE CUMPLIMOS UN MES.
O oito de outubro comezamos con esta actividade nas nosas aulas e, despois do primeiro mes, queremos compartir con todos e todas esta experiencia: FUNCIONA!
É un agasallo de tempo, que non é pouco, que lles facemos aos nosos alumnos e alumnas e que nos facemos a nós mesmos, adicado exclusivamente á lectura; sen interrupcións, nin interferencias, sen ruído, sen televisión... Con tranquilidade, con silencio, con historias, contos, con imaxinación, aventuras, con todo por aprender, con todo por descubrir e nada que perder: "HORA DE LER" .
Publicado por Chispa
luns, 5 de novembro de 2007
ADIVIÑAS, POEMAS, REFRÁNS, RECEITAS DE COCIÑA NA EXPOSICIÓN DO OUTONO NA COMPAÑA DOS CONTOS DE MEDO
Faltaba a nosa exposición do OUTONO. Animamos ao alumnado e ás familias a recoller receitas feitas cos froitos do outono (son as que podedes ver penduradas das pólas das árbores). Tamén traballamos coas adiviñas, os refráns e os poemas: recopilamos e inventamos; e así, a pesar de estar no outono, o noso mural foi gañando follas no lugar de perdelas; e a exposición encheuse de todos os nosos traballos.
Tamén podedes ver o recuncho, cos contos que entre todos e todas trouxemos das casas ou da biblioteca do cole, todos son contos relacionados cos fantasmas, as bruxas, o medo... e como podedes ver calquera momento é bo para ler: a verdade é que esa cadeira tan ben colocada a carón do expositor é unha tentación para calquera.
Quedan aínda contos de medo sen publicar pero será cuestión duns días, porque xa estamos preparando todo para que moi axiña os poidamos ver aquí mesmo.
Publicado por Chispa
domingo, 4 de novembro de 2007
"Fantasmas, bruxas e vampiros nun escuro corredor"
A excursión de “Fin de curso” era moi especial para os alumnos e alumnas maiores do colexio. Ese ano decidiran ir de acampada ás aforas de Vilapazos de Arriba. Prepararon as súas mochilas e maletas e, de mañá cedo xuntáronse todos para subir ao autobús...
Así comeza o conto que os nenos e nenas de 5º e 6º prepararon para os "Contos de Medo" deste Samaín: "Fantasmas, bruxas e vampiros nun escuro corredor"
Publicado por Chispa
xoves, 1 de novembro de 2007
O Samaín e o Magosto xuntos da man
No cole celebramos as dúas festas con moitas actividades. Organizamos unha recollida de receitas do outono, refráns, adiviñas. E tamén animamos a todos e a todas a elaborar os seus propios poemas e contos de medo. Fixemos unha gran exposición na entrada do colexio -Ai!, a biblioteca... ¿Cando a rematarán?- e aproveitamos o día da celebración do Magosto e o Samaín para ler os contos inventados, ben individualmente ou ben colectivamente polo alumnado.
Os alumnos de 5º e de 6º recitaron o conto rimado que preparou a mestra Manuela Casal García -Moitas grazas desde aquí, Manuela- xunto coas mestras do Equipo da Biblioteca "A fantasma solitaria", ao tempo que o viamos proxectado.
Pero non acabou aí. Antes de saír ao patio a comer as castañas e a participar nos xogos tradicionais, cantamos "Samaín", que é a canción que nos enviou o noso compañeiro Jesús Fernández-Pareja Marín. Menudo exitazo!! Moitas grazas a ti tamén, Jesús.
Esperamos publicar moi axiña algúns dos contos de medo e as súas ilustracións. Mentres tanto MOITAS FELICIDADES A TODOS E TODAS POR PARTICIPAR!
Publicado por Chispa